Moitas das actividades foron programadas en colaboración con diferentes asociacións do municipio
A programación de Nadal arrincará este mesmo sábado 16 de decembro co Mercado de Nadal que terá lugar na Praza do Souto, en Cervo, da man de A Morena e o Concello de Cervo, en horario de 11:00 a 20:00 horas e estará amenizado por Fol do Raxal e Zé Pequeño; no que haberá moitas sorpresas. Ademais, será o escenario no que se entregarán os premios do certame de postais celebrado polo Concello de Cervo, cun agasallo para cada un dos máis de trinta pequenos/as que participaron.
O 21 de decembro o mesmísimo Papá Noel estará de visita nos dous colexios e na Escola Infantil.
O venres, 22 de decembro, haberá un concerto de Nadal, na carpa da Praza dos Campos, ás 20:30 horas.
Papá Noel volverá estar no noso Concello o 23 de decembro, neste caso no local social de Trasbar, da man da asoc. de veciños do Burgo de Trasbar, ás 17:00 horas. Ese mesmo día terá lugar o espectáculo “Mágicamente” no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 20:30 horas.
Con motivo especial das festas de Nadal, o domingo 24 de decembro celebrarase en Cervo a Noiteboa infantil, organizada pola asoc. Fervenza de Sargadelos, a partir das 16:00 horas, nas Escolas Vellas de Cervo.
O 26 de decembro a carpa instalada na Praza do Souto acollerá un espectáculo de monicreques para toda a familia, obra de Tarabelos baixo o título “O traxe novo do rei”, ás 19:30 horas. E o 27, chega Brais das Hortas cos seus “contos para caghar patatillas”, tamén ás 19:30 horas, na Praza do Souto.
A tradicional Gala de Nadal protagonizada polas diferentes agrupacións do Concello, será nesta ocasión o 28 de decembro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura.
Unha das datas máis agardadas do Nadal, é o Callo Fest que na súa quinta edición regresa á programación por todo o alto o 29 de decembro da man de Amigos da Troula e do Concello de Cervo. As persoas asistentes poderán desfrutar na Praza dos Campos de racións de callos e despedir o ano ao ritmo de rock coas actuacións de Abaixo cu Sistema, Deleiba, Madame Rachel, Calle del Ruído, e Dj Pablo Conxuro, para pechar o festival que arrincará ás 21:00 horas.
O 30 de decembro, será o espectáculo cómico-musical “Desconcerto”, ás 20:30 horas, na carpa da Praza do Souto.
O día de fin de ano a asociación de veciños do Burgo de Trasbar celebrará o seu tradicional brinde a partir das 19:00 horas, no local social. A noitevella rematará tras a festa de fin de ano na carpa da Praza dos Campos a partir das 1:30 horas.
Os Reis Magos farán como sempre unha parada obrigada no noso Concello o día 5 de xaneiro, como xa é tradición.
A cabalgata de San Ciprián sairá ás 18:00 horas da zona do Pavillón da Veiga, e haberá recepción Real no auditorio ao remate. Durante a tarde, a A.C. Comisión de Festas de Lieiro servirá chocolate con churros na Praza dos Campos. A cabalgata en Cervo será a partir das 19:30 horas, e a recepción será na Praza do Souto, onde tamén haberá, como novidade, un Belén Vivente, da man de Airiños do Xunco.
O Coro Vox Stellae pechará esta completa programación co seu concerto “celebrando o Nadal”; no auditorio da Casa da Cultura, o 7 de xaneiro, ás 19:00 horas.
Ademais, haberá diferentes actividades lúdicas durante todo o Nadal, como o circuíto Nerf e o tren de Nadal, o 22 e o 23 de decembro, na Praza dos Campos; unha ludoteca e inchables o 26, 27 e 28 de decembro na mesma ubicación; unha actividade de realidade virtual o 2 de xaneiro, na Praza do Campos e o Lásertag, o 4 de xaneiro pola tarde na Praza do Souto.
Ademais, a piscina municipal acollerá a tradicional Festa Acuática o 3 de xaneiro, ás 17:00 horas.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, quixo agradecer unha vez máis a implicación do tecido asociativo local “que fai posible que poidamos contar con esta completa axenda lúdica para estas datas” e convida a toda a veciñanza e visitantes a participar nas actividades programadas e a gozar destas festas no municipio.