Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira condena a falta de transparencia do bipartito que “non informou aos veciños afectados pola suba de taxas e impostos”

O popular lamenta que “en infinidade de plenos se estean a botar para atrás os informes que o equipo de goberno subcontrata a unha empresa externa, o que demostra que non se está a facer ben o traballo”

Foz, 1 de decembro de 2023. O portavoz do Grupo Municipal Popular, Javier Castiñeira, lamenta que “desgraciadamente se consumara o xoves negro para os veciños de Foz. Foi tan negro que ata non funcionou a radio”. A este respecto, os populares pregúntanse se “é unha casualidade ou non, á vista da falta de transparencia coa que o bipartito PSOE-BNG levou a proposta de subir ata 15 impostos, que pretendían impoñer pola porta de atrás sen informar aos veciños”.

O popular subliña que “non se informou aos usuarios da Escola de Música nin das Escolas Deportivas de que se ía subir a taxa, non se informou aos hostaleiros de que ían subir as taxas das terrazas nunha media de 3 veces o prezo actual e tampouco á asociación de xubilados de que ía saír a concurso público o Náutico cuns prezos públicos que son totalmente desaxustados. Foi o Partido Popular o que fixo que os veciños, polo menos, teñen a información”, explica Castiñeira, que lamenta “o rodillo”.

O portavoz explica que “a conclusión que sacamos do pleno é mala”. O PP ofreceulle ao BNG deixar enriba da mesa a taxa ás terrazas para analizar co sector, os hostaleiros, e coa ACIA; “pero o BNG segue submiso ao alcalde e negouse”.

Castiñeira cre que “para o único que serve o BNG é para deixar que o alcalde campe ás súas anchas e para cobrar un salario; pero despois non se ve o traballo”. De feito, “os informes que traen ao pleno están mal”. De feito, a ordenanza dos prezos públicos da Escola de Música e das Escolas Deportivas foi retirada porque había fallos nos informes.

O popular lamenta que “en infinidade de plenos se estean a botar para atrás os informes que o equipo de goberno subcontrata a unha empresa externa, o que demostra que non se está a facer ben o traballo”.

“Lamentablemente, o BNG é o maior cómplice nesta suba de impostos”, conclúe o portavoz do PP.

Exit mobile version