O discurso do Xefe do Estado da última Noiteboa reflectiu a súa preocupación exclusiva polo seu propio concepto da unidade do Estado e, nomeadamente, polo mantemento da Monarquía. Nun tempo definido pola agresión rusa a Ucrania, pola resposta xenocida do sionismo fronte ao terrorismo de Hammas, polo risco cara á Unión Europea dunha eventual maioria dereitista apoiada no extremismo antieuropeísta nas vindeiras continentais do 9-X, polos graves problemas xerados pola inflación ou pola grave falla de vivenda- hoxendía seica común nas grandes cidades galegas e en boa parte do territorio do Estado-, Filipe de Borbón escolleu o único que lle preocupa: a apelación constitucional cinguida á unidade do Estado (alicerzada nunha única nación e língua) e ao proprio mantemento da Institución que representa. Esquecendo que a primeira definición constitucional é a do Estado social e democrático de Dereito, definindo como valores superiores dese Dereito a liberdade, xustiza, igualdade e pluralismo político.
O pluralismo político lexitima que todos os votos da cidadania nomeen persoas deputadas, concelleiras e outras representantes que terán todo o concurso da legalidade constitucional e da lexitimidade política e social para defender o seu programa ou oferta electoral, mesmo que tente reformar ou derrogar as prácticamente irreformábeis normas constitucionais de 1978. As leis da cidadania danlle tanto valor ao voto dos soberanistas GALEUSCAT que votan Junts, PNV, ERC, EH-Bildu ou BNG como aos que votan unionismo. Velaí que as persoas deputadas que quitan os votos desas forzas soberanistas teñan o mesmo valor ca os das representantes do extremismo de Vox. Mesmo para o efecto de definir o próprio Goberno do Estado do que alguns queren separarse. Xa pasou no 1919 cos deputados do Sinn Fein irlandês e no Parlamento iugoslavo de 1989-90.
A xustiza apela ao fracaso relativo dos 45 anos de vixencia deste sistema constitucional cando non garante os dereitos á vivenda e ao emprego da s´çua cidadania. A liberdade ao mesmo fracaso a respecto da vixencia actual da “lei mordaza” ou da vixencia dos delictos de inxurias á Coroa que a Corte Constitucional belga decretou inconstitucional hai algun tempo. E a igualdade á violencia contra a muller, o respecto ás persoas inmigrantes e a falla de equiparación dos dereitos dos que usamos a nosa língua galega a respecto dos usuarios do castelán. A falla de respecto ao Estado plural e composto.
Velaí porque o Xefe do Estado xa non acredita nunha sociedade plurinacional. Mesmo nin plural. Só afirma o simple mantemento da Institución que representa.