Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “O sentido da mediación internacional”, por Xoán Antón Pérez Lema

O noso compatriota galego, o cormelán Alfonso Gómez Cruz, é o alcalde da cidade de Xenebra. Alí viaxaron este sábado os representantes do PSOE e de JuntsxCat para celebrar a primeira das xuntanzas mensuais que acordaron no seu pacto de investidura. A escolla da cidade á beira do lago Lèman veu dada por ser a sede do Centro para o Diálogo Humanitario Henri Dunant, fundado no 1998, que ha facilitar o traballo da equipa de catro persoas que desenvolverán a función mediadora acordada no devandito pacto de investidura. Cómpre lembrar que foi Henri Dunant quen fundou a Cruz Vermella no 1863, alicerzada nunha moi estricta neutralidade que non sempre foi entendida por todo o mundo ao longo dos seus cento sesenta anos de andaina.

A mediación é un sistema de resolución de conflitos alternativo á vía xudicial. É dicir, conleva a existencia previa dun conflito. Semella que ninguén, nesta altura, pode negar a existencia dun conflito político en Catalunya de fonda raigame histórica.

A mediación é alternativa, non substitutiva como a arbitraxe. O árbitro neutral substitúe ao xuiz e resolve o conflito dende a aplicación do Dereito ou da equidade. O mediador tenta que sexan as partes do conflito as que acheguen, coa súa axuda, unha solución ás súas diverxencias.

A mediación é voluntaria, non pode ser imposta e ha ser exercida dende a neutralidade. E velaiquí a necesidade de que, no caso do conflito político catalán, a mediación ha de se exercer fóra do Estado español, pois que no ámbito do mesmo é moi difícil atopar persoas ou institucións neutrais a respecto da cuestión fulcral da que xorde o conflito catalán: cal há ser o colectivo (a cidadania española no seu conxunto ou a cidadania catalá) titular da capacidade de autodeterminación, titular do dereito a decidir. Neste contexto, o devandito Centro Henri Dunant fornece da experiencia metodolóxica e dos medios materiais precisos para desenvolver o proceso, mentres o único mediador coñecido, que desenvolverá o rol de voceiro da equipa (o diplomático salvadoreño Francisco Galindo) achega tamén unha ampla experiencia na resolución negociada de conflitos.

A mediación nos conflitos políticos baséase na privacidade do proceso e na publicidade dos acordos, precisamente como garantia de que o proceso poida avanzar. No suposto do proceso de negociación PSOE-JuntsxCat a cidadania e os seus axentes políticos e sociais han ser esixentes canto ao control e fiscalización dos acordos, non canto ao control e fiscalización do decurso do proceso de diálogo e negociación.

Neste contexto, o proceso que se está a desenvolver resposta aos caracteres típicos da mediación de conflitos políticos. Porque, tanto a privacidade do proceso de diálogo como a internacionalización da mediación, atenden aos requirimentos de confidencialidade e neutralidade que definen de seu á propia institución da mediación.

Exit mobile version