Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “O divorcio na esquerda española”, por Xoán Antón Pérez Lema

Podemos quitou nas eleccións estatais deste verán cinco deputados dos trinta e un obtidos pola coalición Sumar artellada arredor da persoa de Yolanda Díaz. A súa saída do grupo parlamentario yolandista, a ruptura das relacións interpersoais entre as persoas referentes dunhas e outras e máis a gravidade das mutuas adxectivacións amosan nidiamente que o divorcio é definitivo. Nas vindeiras eleccións europeas de 2024 han comparecer en distintas candidaturas.

Podemos soubo ler a xeito o movemento do 15-M que impugnou na altura da Grande Recesión as deficiencias democráticas dun sistema constitucional alicerzado no bipartidismo dinástico PP-PSOE, coa Coroa como clave de bóveda. De primeiras quixeron enxergar unha plataforma transversal alicerzada na rexeneración democrática e no protagonismo da cidadania que chegou ser varios meses nas enquisas a forza que sería máis votada nas eleccións previstas para 2015. Mais moi axiña Iglesias “mando a parar”, substituindo o pulo cidadán polo dirixismo personalista, o aparente respecto pola plurinacionalidade pola madrileñización da súa cosmovisión e a transversalidade pola simple aposta por alargar o espazo do PCE e IU. Os ceos non se tomaron nin por consenso nin por asalto e o devalo electoral foi imparábel entre os relativos éxitos de 2015 e 2016 e os cativos resultados das duas eleccións de 2019.

Malia este devalo, Iglesias accedeu á vicepresidencia do Goberno do Estado canda Pedro Sánchez (xaneiro 2020). Porén, en marzo de 2021, Pablo Iglesias considerou rematado o seu papel no Goberno do Estado, decidiu presentarse as eleccións rexionais madrileñas e nomeou Yolanda Díaz- polo método do dedo aznariano- como sucesora na Vicepresidencia e na futura candidatura para liderar o espazo podemita-común nas seguintes estatais.

Yolanda Díaz sabe canear en curto, malia que moitas veces semelle non saber que facer co balón. Seica non estaba conforme con que Iglesias lle marcase o camiño. E, cando Díaz Ayuso xubilou Pablo Iglesias da política (maio 2021) decidiu suceder o cesarismo de Iglesias polo seu propio personalismo e abrir un delongado proceso de escoita, nomeadamente consigo mesma, máis tamén con Más Madrid,os Comúns cataláns e algúns outros sectores doentes coa executoria de Pablo Iglesias.

Pensando no noso País (que é o que nos cómpre) as dúas fraccións da esquerda española allea ao PSOE reflicten sensibilidades personalistas vencelladas a operacións de Estado, polo que semella que non son quen de achegar moito nas inmediatas eleccións nacionais galegas de 2024. Neste senso…que opinan, unha e outra, a respecto dos dereitos dos nosos sectores produtivos no mar-industria, nas actividades agrogandeiras e no desenvolvemento rural fronte aos intereses das grandes enerxéticas? A respecto da prevalencia do noso dereito ao autogoberno e ao benestar fronte aos supostos intereses de Estado sempre omnipresentes en Madrid? Ou da necesidade de adoptarmos as decisións colectivas, quer na Galicia, quer co consentimento da cidadanía galega?

Exit mobile version