Coa primeira actividade da xornada, “Orgullo Mariñeiro nas Escolas”, a Fundación Expomar repartiu nos comedores escolares de 8 colexios públicos da Mariña Lucense, máis de 700 racións de “Merluza de Burela” nos seus menús do día. O conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, participou na xornada visitando aos alumnos dos colexios CEIP Península da Paz de San Cibrao e CEIP Plurilingüe Vista Alegre de Burela.
Os centros educativos que recibiron pescada da lonxa de Burela nos seus comedores a través das súas empresas habituais de cáterin, Eurest e Twitty, foron o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme e CEIP Plurilingüe Vista Alegre de Burela; o CEIP Plurilingüe de Foz Número 1; o CEIP Península da Paz de San Cibrao; a Escola de Educación Infantil San Roque, o CEIP Lois Tobío e o IES María Sarmiento de Viveiro; e o CEIP Antía Cal Vázquez de Muras.
A segunda parte da xornada, “Orgullo Mariñeiro no Escenario”, celebrouse no auditorio da Casa da Cultura de Burela desde as 6 da tarde, coa proxección da película documental “Escamas, Sangue!”, producida e dirixida por Adrián Canoura e Breixo Llano en 2014 polo 20 aniversario da “Guerra do Bonito”. O acto presentouno o xerente da Fundacaión, José M. González ‘Brais’, e a continuación tivo lugar unha charla coloquio na que tamén participaron Jaime Aguado, capitán marítimo de Burela, e Basilio Otero, patrón maior da confraría de Burela e presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores.
A continuación actuou a Coral Polifónica de Burela e interviñeron a presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, e o director xeral de Pesca da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, que clausuraron a xornada cultural. Ambos recordaron como viviron aqueles días documentados na película e tamén aplaudiron a iniciativa da Fundación Expomar de marcar una data no calendario para celebrar o “Día do Orgullo Mariñeiro” non só de Burela, senón de todas as vilas e comunidades que viven directamente ligadas ao mar.
O “Día do Orgullo” rematou con unha festa popular de “Peixe de Burela” na carpa do Nadal de Burela, instalada na praza da Mariña, que acolleu o último bloque da xornada, “Orgullo Mariñeiro no Prato”, no que se degustaron gratuitamente receitas elaboradas con diferentes especies da lonxa de Burela: “Empanada de Congrio” e “Caldeirada de Raia”, poñendo así en valor a variedade de especies que se subastan na lonxa e o seu aproveitamento gastronómico.
Esta acción está organizada pola Fundación Expomar coa colaboración do Concello de Burela, e cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).