A primeira parte da xornada denomínase “Orgullo Mariñeiro nas Escolas” e terá lugar nos comedores escolares de 8 colexios públicos da Mariña Lucense, onde máis de 700 nenos comerán ese día “Merluza de Burela” nos seus menús. Os centros educativos que recibirán pescada da lonxa de Burela nos seus comedores serán o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme e CEIP Plurilingüe Vista Alegre de Burela; o CEIP Plurilingüe de Foz Número 1; o CEIP Península da Paz de San Cibrao; a Escola de Educación Infantil San Roque, o CEIP Lois Tobío e o IES María Sarmiento de Viveiro; e o CEIP Antía Cal Vázquez de Muras.
O conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, participará activamente neste evento e durante a mañá estará presente nalgún destes centros educativos para apoiar a iniciativa.
O segundo bloque da xornada, que se titula “Orgullo Mariñeiro no Escenario”, celébrase no auditorio da Casa da Cultura de Burela este venres a partir das 6 da tarde, coa proxección da película documental “Escamas, Sangue!”, producida e dirixida por Adrián Canoura e Breixo Llano. A continuación terá lugar unha charla coloquio cos protagonistas do documental, producido en 2014 polo 20 aniversario da “Guerra del Bonito”.
A continuación actuará a Coral Polifónica de Burela e intervirán a presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, e o director xeral de Pesca da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, que clausurará a xornada cultural.
Para finalizar este “Día do Orgullo” a carpa do Nadal de Burela, instalada na praza da Mariña, acollerá o último bloque da xornada: “Orgullo Mariñeiro no Prato”, unha festa popular de “Peixe de Burela” con degustación gratuíta de receitas elaboradas con diferentes especies da lonxa de Burela.
Esta acción está organizada pola Fundación Expomar coa colaboración do Concello de Burela, e cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).