Pedro Lechuga documenta neste audiovisual as mobilizacións contra o proxecto nuclear de Fenosa en Xove nos anos 70
Lugo, 5 de decembro do 2023. As Escolas de Celeiro de Mariñaos, en Barreiros, acollen mañá, mércores 6 de decembro, a presentación do documental “Xove, Democracia Nuclear”. Este audiovisual, que xa foi proxectado en Foz, Burela, Cervo, Sarria, Xove e O Valadouro, trata sobre a mobilización social contra o proxecto de construción dunha central nuclear en Regodela nos anos setenta e está dirixido polo xornalista Pedro Lechuga en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Asociación de Prensa de Lugo.
Será ás 19 horas e coa colaboración da Irmandade de San Caetano e do Concello de Barreiros. Durante a presentación estará Emilio López Pérez “Milucho”, exdirixente das Comisións Labregas e unha das persoas máis activas durante as mobilizacións. Ademais é unha das testemuñas recollidas neste documental que dialogará co público sobre o vivido na costa lucense hai 40 anos tras o visionado.
O documental recolle testemuñas das historias vividas na Mariña despois de que en novembro de 1973 se fixera público, a través dos medios de comunicación, o proxecto de construción da central nuclear. Os acontecementos son contados por quince persoas que participaron e foron testemuñas mobilización que parou o proxecto de Fenosa.
A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “a Vicepresidencia da Deputación comprometeu o apoio ao documental con este ciclo de proxeccións que contribuirán a que se coñeza un momento histórico na loita popular e ecoloxista na Mariña e en Galiza”. “Cremos que son unha boa canle para dar a coñecer á xente máis nova o que supuxeron as mobilizacións e a organización social fronte a aquel proxecto, nun momento da historia no que aínda viviamos baixo a sombra da ditadura franquista”, expuxo.
O ciclo rematará o próximo martes 19 de decembro coa proxección de “Xove, Democracia Nuclear” no Pazo de San Marcos ás 20 horas. Tras a proxección realizarase unha tertulia na que participará tamén o exdirixente das Comisións Labregas. A entrada será de balde.