Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro: “PSOE e BNG puxeron máis paus nas rodas que fixeron por conservar os postos de traballo en Alcoa”

O deputado mariñán lembra que “a competitividade da planta depende do custo da enerxía” polo que “o problema de Alcoa non é industrial, senón enerxético”

A Mariña, 22 de decembro de 2023. O deputado mariñán José Manuel Balseiro asegura que “tanto o Partido Socialista coma o BNG nos últimos anos puxeron máis paus nas rodas que fixeron xestións para manter a factoría de Alcoa aberta e conservar os postos de traballo”.

O popular explica que “a competitividade da planta depende do custo da enerxía; xa que entre o 35 e o 40% dos custes de produción se derivan da electricidade”. É dicir, “o problema de Alcoa non é industrial, senón enerxético”. Pero, “o PSOE leva tempo ofrecendo un estatuto electrointensivo sobre o que, a día de hoxe, o Goberno central nada fixo”.

A este respecto, indica que “o que lle pedimos ao Goberno de Pedro Sánchez non é nada que non se estea facendo noutros países de Europa, coma no caso de Francia ou de Alemaña, onde teñen establecido un tope máximo do megavatio para as empresas grandes consumidoras de enerxía, independentemente de como oscile o prezo da enerxía”.

E por parte do BNG “chama a atención o seu descaro tanto con aluminio coma con alúmina”. Balseiro puntualiza que “a planta de aluminio, sen un prezo da enerxía competitivo, non é viable. E aínda así, pola mañá manifestábanse cos traballadores de Alcoa e pola tarde recorrían a tramitación dos parques eólicos que tiñan que dar enerxía a Alcoa a un prezo competitivo”.

Igualmente, “pola mañá manifestábanse cos traballadores de alúmina e pola tarde recorrían a tramitación da balsa de lodos, que é imprescindible para manter a actividade na planta de alúmina”.

“Non conformes con iso”, engade Balseiro, “o BNG firmaba no 2020 un pacto co PSOE para investir a Sánchez no que unha das dúas medidas estrela -a outra era a transferencia da AP-9 a Galicia- era un estatuto electrointensivo para as grandes consumidoras de enerxía que ía solucionar o problema de Alcoa”. Xa sabemos que iso non se cumpriu e agora volven asinar outro acordo para investir a Sánchez onde desaparece o estatuto electrointensivo”.

É dicir, “PSOE e BNG cren que o problema enerxético agora non é un problema para a factoría mariñá”. Pero, “o certo é que no 2020 Alcoa funcionaba ao 100% e agora, aproximadamente, en torno a un 20%”, conclúe o popular.

Exit mobile version