O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou no acto de clausura que coas Xornadas Ribadeo contribúe á historia do Camiño de Santiago
En similares termos expresouse o conselleiro de Cultura ao sinalar que “o Camiño é un dos símbolos de identidade máis importantes de Galicia, un elemento que nos articula, unha experiencia que nos enriquece, un valor do que temos que estar orgullosos e que, como di o alcalde, temos que coidar”. Román Rodríguez explicou tamén que coas Xornadas Mar por Medio “unha vila fermosa, atractiva e con gran historia como Ribadeo contribúe á historia do Camiño” e destacou que a localización das Xornadas é perfecta “porque aquí esta una das portas dunha das rutas Patrimonio da Humanidade como é o Camiño do Norte”. O conselleiro concluíu a súa intervención apuntando que “todo o que fagamos por potenciar o Camiño interésanos aos galegos porque supón potenciarnos a nós mesmos facéndoo ademais co mellor que temos: a nosa historia, o noso patrimonio, a nosa cultura, a nosa paisaxe, a nosa gastronomía e a nosa Universidade. Todo o moito e bo que temos”.
“Para que as Xornadas se puidesen desenvolver con éxito foi necesaria a colaboración da Xunta e do Concello e do seu alcalde, da USC e da Deputación, e quero destacar tamén a colaboración da concelleira Begoña Sanjurjo e de Manuel Valín”, expresou pola súa banda Xesús Palmou, quen destacou tamén o “extraordinario nivel de todos os conferenciantes” e mostrou a súa satisfacción polo desenvolvemento das Xornadas. O presidente da Academia Xacobea sinalou que esta foi a edición da súa consolidación e mostrou o seu convencemento de que as Xornadas terán continuidade nos próximos anos para seguir así, desde unha localidade transcendental do Camiño, traballando por cumprir o “obxectivo da promoción e a difusión do Camiño de Santiago e dos valores que xurdiron ao longo da peregrinación e que hoxe están presentes na civilización europea”.
O acto de clausura deste mediodía puxo o final a unha última sesión de conferencias que permitiu ao público congregado no auditorio Hernán Naval seguir as intervencións de expertos e especialistas en distintos ámbitos xacobeos como o catedrático da USC Rubén Lois, os xornalistas Xosé María García Palmeiro e Elena Goyanes Vilar, e o catedrático emérito do Queen’s College da Universidade de Oxford, John Rutherford.