O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e o catedrático emérito da USC Carlos Villanueva, ofreceron as dúas primeiras conferencias
Ribadeo. Venres, 1 de decembro de 2023. A nova edición das Xornadas Mar por Medio deu comezo esta tarde en Ribadeo co acto inaugural celebrado no auditorio Hernán Naval e no que tomaron a palabra o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco J. Fraga López; o xefe da área de Cultura Xacobea do Plan Xacobeo, Francisco Singul Lorenzo; o delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias Fouz; o hispanista e profesor emérito do Queen’s College da Universidade de Oxford John Rutherford, e o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega.
Todos eles congratuláronse pola calidade dos contidos do programa e dos relatores, e pola celebración dunha cita que suma xa 18 edicións, pero que como lembraron tanto Rutherford como o alcalde, remóntase a comezos dos anos 90. John Rutherford e Daniel Vega agradeceron o papel dos impulsores das Xornadas naqueles inicios, citando aos alcaldes Eduardo Gutiérrez e José Carlos Rodríguez Andina, e ao concelleiro Manuel Valín, e reivindicaron unha cultura que estea á marxe das disputas políticas. “A cultura non ten padriño, non ten ideoloxía, é de todos e todos debemos promovela. A cultura vai ter sempre espazo en Ribadeo”, sinalou o alcalde, quen apuntou ademais que as Xornadas, recuperadas o ano pasado tras un longo parón, “viñeron para quedar”. Parafraseando a Cunqueiro auguroulles “mil primaveras máis”.
Javier Arias, Francisco Singul e Francisco Fraga felicitaron nas súas intervencións desta tarde ao Concello de Ribadeo e á Academia Xacobea pola organización das Xornadas e destacaron que o programa deste ano permitirá aos participantes realizar un achegamento ao Camiño de Santiago desde múltiples perspectivas. Ademais, Arias e Singul aproveitaron o acto inaugural para reivindicar o potencial do Camiño Norte. “As posibilidades do Camiño Norte, que actualmente ten 20.000 peregrinos, son enormes, ten moito máis potencial e esperemos que estas Xornadas sirvan para iso”, apuntou o delegado da Xunta en Lugo. Así o sinalou tamén Francisco Singul, quen lembrou que o Camiño Norte vertebra toda a Cornixa Cantábrica e que foi distinguido, do mesmo xeito que o Francés, como Patrimonio da Humanidade. Francisco Fraga, reafirmou o compromiso da Universidade con actividades e foros como o que arrincou hoxe en Ribadeo e felicitou á Academia Xacobea polo labor “incrible desde ou punto de vista cultural, etnografico e histórico” que realiza en prol do Camiño de Santiago.
Pola súa banda, o presidente da Academia Xacobea, tivo palabras de agradecemento para todos os presentes e en especial para o “alcalde e impulsor destas xornadas, Daniel Vega, e para a concelleira Begoña Sanjurjo”, así como para as demais institucións colaboradoras: Xunta, Universidade de Santiago e Deputación de Lugo. Xesús Palmou explicou que as Xornadas Mar por Medio encaixan de cheo cos fins e obxectivos da Academia Xacobea e, tras repasar os temas e actividades propostas na presente edición, desexou a todos os rexistrados unha proveitosa participación.
Tras o acto inaugural celebráronse xa as primeiras conferencias do programa. O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, quen foi presentado por Xesús Palmou, ocupouse da importancia do Camiño de Santiago como itinerario cultural europeo. A continuación, Carlos Villanueva, musicólogo e catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, abordou a tradición musical das rutas de peregrinación a Compostela. A súa conferencia foi presentada por María del Carmen Rodríguez Cancelo, directora da Coral Polifónica de Ribadeo, agrupación que puxo o peche musical aos actos deste venres cun concerto. Ademais, Francisco Singul inaugurou unha exposición con imaxes de monumentos e espazos naturais do Camiño que se poderá visitar no auditorio durante o desenvolvemento das Xornadas.
Sábado
Paisaxe, alimentación, gastronomía, literatura, arte e patrimonio serán os grandes protagonistas da sesión de mañá, sábado 2. O programa completo das XVIII Xornadas Mar por Medio está dispoñible na páxina web da Academia Xacobea www.academiaxacobea.gal