Foz, 13 Decembro, 2023. Os danos materiais foron cuantiosos, ardendo maquinaria de feira almacenada nas instalacións. Con todo, a rápida intervención dos servizos de emerxencias evitou que o lume afectara á vivenda.
Pasaban escasos instantes das 4:30 horas desta madrugada cando chamou ao 112 Galicia un dos ocupantes da casa afectada, situada no camiño da Cruz, pertencente á parroquia de Cangas. Durante a chamada, explicou que o lume comezara nun dos alpendres pegados á súa vivenda.
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activaron un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Barreiros, o GES de Cervo e os axentes da Garda Civil.
Os servizos de extinción traballaron no punto para controlar e apagar as lapas. Ademais, unha das persoas foi atendida no punto polos profesionais sanitarios, aínda que non tivo que ser evacuada.