Antonio Ameijide explica que estes datos obtivéronse da documentación oficial da Deputación de Lugo á que se pediu acceso o pasado 16 de novembro sobre os medios do parque móbil provincial
O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que o pasado 16 de novembro se solicitou, por escrito, acceso a toda a documentación relativa ás diferentes actuacións realizadas cos medios do parque móbil da Deputación de Lugo nos último anos, unha documentación que confirmou que “durante 2022 e 2023 José Tomé realizou un reparto a dedo destes medios xa que o 80% dos concellos nos que actuaron tiñan un alcalde do PSOE”.
Ameijide denuncia que “tanto PSOE como BNG, pero sobre todo o presidente da Deputación Provincial de Lugo pensan que están no seu propio cortijo”.
O popular afirma que “no goberno provincial cren que os medios desta Deputación están unicamente para favorecer a Tomé e aos seus “favoritos” dentro do PSOE, sendo o parque móbil o mellor exemplo”.
A realidade é que as brigadas que deberían de estar ao servizo de todos os municipios da provincia, non o están.
Na documentación referente ás intervencións realizadas polas brigadas do parque móbil nos diferentes municipios da provincia durante 2022 e 2023 comprobamos como quedaron sen atender o 75% dos municipios durante este tempo. “Coas brigadas só se actuou nun de cada catro concellos, o 25%. E dentro deste 25%, máis do 80% dos municipios nos que se actuou estaban gobernados polo PSOE”, denunciou.
“Esta é a igualdade de trato que defende o PSOE, unicamente atender a quen decide a dedo o presidente da Deputación”, criticou, ao que engade que “nin sequera ser do PSOE é suficiente para Tomé, tes que estar tamén dentro do seu círculo de ‘elixidos’”.
PLAN DE INTERVENCIÓN NOS MUNICIPIOS DA PROVINCIA
Antonio Ameijide recorda como no pleno de xullo deste ano se defendeu unha iniciativa, á que PSOE e BNG votaron en contra, para crear unha mesa de traballo, cunha periodicidade trimestral, na que estivesen presentes todos os grupos políticos e o persoal que se considerase oportuno para que, en primeiro lugar, se dera conta de con que concellos colaborou a Deputación Provincial de Lugo no arranxo e mantemento da rede viaria nos últimos catro anos e a relación dos Concellos cos que tiñan previsto colaborar durante o presente ano 2023.
Para os deputados populares “é fundamental deseñar un plan de colaboración cos Concellos para poñer a disposición de todos os municipios da provincia os medios existentes no parque móbil provincial en base a criterios obxectivos e igualitarios”, para que a distribución dos medios dispoñibles no parque móbil e na programación do traballo teñan preferencia aqueles municipios nos que nunca se actuara ou se fixera na data máis afastada dende a súa posta en marcha, ou por motivos de urxencia e necesidade debidamente acreditados.