A Consellería do Mar está traballando da man do sector cos datos sobre a mesa a mellor fórmula para que as medidas de apoio respondan dun xeito efectivo ás necesidades actuais dos profesionais
Santiago de Compostela, 03 de xaneiro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reuniuse novamente cos máximos responsables das federacións das confrarías, xa que son organizacións representativas e, por tanto, interlocutoras do sector do marisqueo en Galicia, para continuar co proceso de diálogo e intercambio de información co fin de, man a man cos representantes do sector, garantir o maior dos apoios posibles para os afectados pola altísima mortaldade no marisco en outono. Unha demanda trasladada polo conxunto de pósitos á cal se pretende facer fronte tanto cos recursos propios da Xunta como os que se reclama que mobilicen o resto das administracións, en especial a central.
Na xuntanza, a terceira para abordar este tema tralos mantidos os pasados 20 e 26 de decembro, estiveron presentes o presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez, o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra, José Manuel Rosas, , o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Coruña, Daniel Formoso e o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Lugo, Basilio Otero. Realizouse unha actualización dos traballos realizados por parte da Consellería do Mar de cara a ultimar distintas vías de apoio para os afectados así como a articulación dun plan de acción que contribúa a recuperar a produtividade. O obxectivo é estudar en profundidade os datos que hai enriba da mesa para atopar a mellor fórmula de reparto de recursos entre os profesionais afectados.
O titular de Mar recordou aos representantes das confrarías a presentación hai dúas semanas da petición por parte do Goberno galego da declaración dos concellos costeiros das provincias de A Coruña e Pontevedra como zonas afectadas gravemente por unha situación de emerxencia derivada das incesantes precipitacións que tiveron lugar desde mediados de outubro ata mediados de novembro.
Alfonso Villares tamén lamentou ante os representantes dos pósitos a falta de interese e ausencia de calquera tipo de contacto desde o Executivo central ata o momento coa Xunta para tratar a situación do marisqueo galego trala altísima mortaldade nos moluscos bivalvos. Nesa liña, reclamou o mesmo trato para Galicia co ofrecido polo Goberno central a outras comunidades ante situacións análogas nas que actuou dun xeito máis proactivo que no caso galego actual.
A Xunta decidiu actuar desde o minuto un e preparar a resposta ante o forte impacto deste fenómeno excepcional sobre o medio de vida das cinco mil mariscadoras e mariscadores que se viron afectados, así como de todas as actividades vinculadas a esta produción acuícola. Por ese motivo se acudiu á petición agora en trámite de zona gravemente afectada por unha emerxencia, para lograr as máximas axudas posibles co fin de compensar de forma completa e inmediata ao sector afectado polas perdas ocasionadas pola mortalidade severa nas poboacións de bivalvos de interese comercial.
A reclamación galega está susténtase en feitos constatados nos informes de Meteogalicia, do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) ou do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA). Meteogalicia certificou unhas precipitacións excepcionais na vertente atlántica entre o 15 de outubro e o 16 de novembro, nas que se recolleron máis de 1.000 litros por m2, un 127% máis ao valor climático normal. Intecmar certificou que este fenómeno meteorolóxico adverso produciu un incremento na auga doce descargada polos principais ríos que desembocan nas rías cun forte impacto na salinidade das augas, rebaixando a salinidade por debaixo do limiar de supervivencia dos moluscos, con mortaldades que chegaron a superar o 80% en algunhas zonas e especies, tal e como confirmou o CIMA.
Este impacto deixouse notar a pé de lonxa, como proban os descensos da produción de máis do 80% e na facturación do 57% respecto ao rexistrado o ano pasado no período do 24 de outubro ao 24 de novembro. Con todo, o conselleiro do Mar reiterou o seu compromiso de manter estas reunións de traballo para, sempre xunto co sector, configurar as axudas que permitan recuperar a actividade marisqueira nas mellores condicións posibles.