“A gran maioría dos lucenses ten un Goberno municipal socialista e toda esa forza e compromiso contribuirá a que tamén gobernemos en Galicia”, subliñou o candidato á Xunta nun encontro cos alcaldes e voceiros dos 67 concellos lucenses
Neste “momento crucial e ilusionante para o futuro da provincia e do conxunto de Galicia”, os rexedores e edís socialistas comprometéronse a sumar todos os esforzos ao seu alcance para que o seu traballo dende o local sirva como motor do cambio liderado por José Ramón Gómez Besteiro.
O candidato do PSdeG resaltou neste sentido o papel dos concellos como bastións da confianza cidadá nos socialistas. “A gran maioría dos lucenses ten un Goberno municipal socialista e estou convencido de que toda esa forza, unidade e compromiso contribuirá a que tamén gobernemos en Galicia”, subliñou. “Os nosos alcaldes e concelleiros son o mellor exemplo do compromiso, da cercanía e da capacidade de xestión para mellorar a vida da xente e, xunto a eles, queremos impulsar o futuro de Galicia”, asegurou.
“Galicia está perdendo oportunidades”, incidiu Besteiro, “de feito está medrando menos que o resto do país, por culpa das políticas incapaces, a inercia e a confrontación na que está instalado Rueda e o PP. Os socialistas estamos preparados para gañar as eleccións e para darlle a Galicia o impulso que necesita e merece”.
O Secretario Provincial do PSdeG de Lugo presentou a Besteiro como “o lucense que vai chegar ao Goberno da Xunta para mellorar a vida de todas e todos os galegos. O seu compromiso coa cidadanía é inquebrantable”, dixo José Tomé.