Ribadeo, 2 de decembro de 2023. Ata o 15 de decembro está aberto o prazo de inscrición na I Marcha Interxeneracional San Silvestre, que organiza o CAMP A Concordia coa colaboración do Concello de Ribadeo, da Xunta de Galicia e do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.
O percorrido irá dende a Rúa Dionisio Gamallo Fierros ata a Praza de España. Trátase dunha actividade deseñada para todas as persoas incidindo en que a accesibilidade debe estar presente na vida cotiá. Todas poden participar nesta proba, aportando conciencia social, facilitaránselles uns panos que os levarán a poñerse nos zapatos das persoas con capacidades diferentes.
A edil de Benestar Social, Elena Sierra, anima a participar: “desde o Concello facemos unha chamada á participación de nenas e nenos, avoas, avós, con bastón, con muleta, con andador, en cadeira de rodas… é un percorrido corto e inclusivo, que queremos facer todas xuntas e xuntos”.
A inscrición para participar pode facerse de xeito presencial no Centro de Día A Concordia ou chamando aos teléfonos 982 120 407 / 638 295 573.
No acto de presentación estiveron a concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, e o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent. Ambos animan a sumarse a esta I Marcha Interxeneracional San Silvestre, máis metros máis posibilidades.