A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na mesa de seguimento de Alcoa
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023. A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reclamou hoxe un calendario de actuacións “claro e con transparencia” e, ao Goberno, medidas de apoio á industria electrointensiva, entre as que está a autorización inmediata dos parques eólicos de competencia estatal vinculados coa factoría.
Logo de participar na mesa de seguimento de Alcoa, convocada polo Ministerio de Industria e Turismo, Lorenzana volveu reiterar todo o apoio da Xunta de Galicia para que se manteña a actividade industrial e o emprego na planta da Mariña. E, nese sentido, solicitou “que traslade ás administracións que é o que espera ou precisa de cada unha para apoiar a continuidade desta industria”.
A conselleira resaltou a importancia de adoptar medidas de apoio á industria electrointensiva e de contención dos prezos da enerxía. Nesta liña, solicitou ao Goberno central que “de maneira urxente” adopte medidas dentro do Estatuto dos consumidores electrointensivos que favorezan unha redución dos prezos da enerxía para evitar a deslocalización de empresas como pode ser Alcoa. Tamén indicou a importancia de que todos os parques eólicos de competencia estatal que aínda están en tramitación vinculados a PPAs de Alcoa “se tramiten e se autoricen, se é posible, canto antes, porque a día de hoxe non hai aínda ningún parque de Alcoa que dependa do Estado que estea autorizado”, lembrou.
Lorenzana avanzou que se acordou celebrar unha nova reunión en xaneiro, onde Alcoa se comprometeu a presentar un plan de traballo e na cal se pediu a incorporación do Ministerio de Transición Ecolóxica.