Dáse resposta, deste xeito, á demanda existente na área de atención a menores no ámbito comarcal da Mariña, evidenciada na sobreocupación que vén rexistrando estes últimos anos.
Os Centros de Menores San Aníbal atenderon ao longo deste ano que termina a un total de 48 menores, pertencentes a 36 unidades familiares. Este total de usuarios repártese entre o Centro de Día (36 menores) e a Casa de Familia (12 menores).
Centro de Día de Menores San Aníbal
O Centro de Día é o centro de protección de menores concertado coa Xunta de Galicia no que se dá acollida a nenos en réxime de atención de día e que seguen vivindo coas súas familias. Está operativo os 7 días da semana, en horario de 8 da mañá a 10 da noite.
Trabállase con grupos reducidos de menores (en función da súa idade e circunstancias) e dáse atención socioeducativa ás súas familias.
Coa entrada en vigor do novo concerto social o pasado 1 de novembro, o número de prazas pasa de 20 a 30. O orzamento destinado a este Centro por parte da Consellería de Política Social e Mocidade foi, este ano, de 766.000 euros.
Dos 36 usuarios atendidos ao longo de 2023, o 75% son nenos ou adolescentes (27) e o 25% son nenas ou adolescentes (9), replicando a porcentaxe do ano anterior. Os usuarios, con idades comprendidas entre os 3 e os 18 anos, ostentan maioritariamente a nacionalidade española (o 83%).
Os concellos de procedencia destes usuarios son: Burela, Foz, Ribadeo, Ferreira do Valadouro e Cervo.
Durante o ano 2023, a sobreocupación do Centro foi do 10%.
Casa de Familia San Aníbal
A Casa de Familia é o noso centro residencial para menores entre 0 e 18 anos que, debido a diferentes circunstancias, atópanse en situación de garda ou tutela pública pola Xunta de Galicia. Funciona cun equipo multidisciplinar de educadores que acompaña aos menores en modalidade 24 por 7.
Ao longo de 2023, atendeuse neste centro a 12 usuarios (8 mozos e 4 mozas). A maioría destes usuarios, concretamente 8, son de nacionalidade española.
Os municipios desde os que chegan estes usuarios son Foz, Viveiro, Ribadeo, Burela, Xove, Lugo, Sarria e Gran Canaria (un menor non acompañado).
O orzamento da Consellería de Política Social e Mocidade para esta casa-fogar foi de 300.000 euros.
A Casa de Familia, que conta con 8 prazas, tivo durante este ano que termina unha sobreocupación do 19%. Actualmente, son 11 os mozos que residen nela.