Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta licita por 2,3 M€ a rehabilitación de 10 vivendas destinadas a alugueiro social en Mondoñedo e Viveiro

Os inmobles foron adquiridos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo no marco do Programa Rexurbe e están emprazados nos conxuntos históricos destes concellos

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023. A Xunta de Galicia destina preto de 2,3 millóns de euros á rehabilitación de seis inmobles adquiridos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) nos conxuntos históricos de Mondoñedo e Viveiro co obxectivo de habilitar 10 vivendas e destinalas a alugueiro social. A plataforma de contratos de Galicia publicou hoxe a licitación das obras de recuperación desas propiedades, correspondentes ao Programa Rexurbe e que permitirán engrosar a bolsa pública residencial do Executivo galego.

Todas as vivendas rehabilitadas serán cualificadas como de promoción pública polo que pasarán a formar parte do parque de vivendas propiedade do IGVS e serán adxudicadas en réxime de alugueiro social recorrendo ás persoas inscritas no Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia.

En Mondoñedo a Xunta rehabilitará cinco edificios nos que se obterán sete vivendas tras un investimento de arredor de 1,6 millóns de euros. Este investimento engádese aos preto de 190.000 euros destinados a adquirir os inmobles nos que se vai actuar.

A obra que suporá a creación dun maior número de vivendas, con catro, afecta aos números 7-9 da rúa Guevara. Os traballos -que saen a licitación por importe de máis de 770.000 euros- implican a rehabilitación integral de dous edificios agrupados nun único inmoble co que habilitar esas catro vivendas de promoción pública e catro rochos.

O edificio consta de planta baixa, dous andares máis e baixo cuberta. Na planta baixa estarán o portal, os rochos, parte dunha vivenda e os locais de instalación e servizos. As demais plantas destínanse ás vivendas: a primeira tipo dúplex entre as plantas baixa e primeira con dous dormitorios; a segunda na planta primeira tamén con dous dormitorios; a terceira no segundo andar de dous dormitorios e a cuarta, tamén tipo dúplex, entre o segundo andar e o baixo cuberta cun total de tres dormitorios.

No número 24 da praza Muíños de Arriba prevese rehabilitar outro inmoble cun importe de licitación de máis de 290.000 euros para crear unha vivenda con tres dormitorios e distribuído en planta baixa, primeiro e segundo andar e baixo cuberta. Na planta baixa estará o acceso, un cuarto de baño, o lavadoiro con tendal, as instalacións e as escaleiras. No primeiro andar estará a estancia maior ademais da cociña, no segundo hai dous dormitorios e un cuarto de baño e no baixo cuberta estará o terceiro dormitorio e o rocho.

No número 4 da rúa Peña de Francia vaise rehabilitar integralmente un edificio para dispoñer dunha vivenda con tres dormitorios e un rocho. O inmoble repártese en planta baixa -na que estarán o rocho e o cuarto de instalacións- e no primeiro andar as estancias da vivenda. O importe de licitación da obra supera os 290.000 euros IVE incluído.

O quinto edificio que se vai rehabilitar en Mondoñedo atópase no número 30 da rúa Febreiro e permitirá contar cunha vivenda de promoción pública de dous andares tras un investimento de arredor de 210.000 euros. Na planta baixa estarán o salón, a cociña-comedor e no primeiro andar dous dormitorios, un cuarto de baño e un cuarto de almacenamento xeral

Rehabilitacións en Viveiro

A obra que sae a licitación neste concello suporá a rehabilitación de dous inmobles situados na confluencia das rúas Rosalía de Castro, no número 22, e Fernández Victorio, números 15-17, para crear tres vivendas e tres rochos tralo investimento de arredor de 720.000 euros. No edificio da rúa Fernández Victorio localizarase unha vivenda de dous dormitorios repartida en planta baixa, planta primeira e faiado.

Mentres, no edificio do número 22 da rúa Rosalía de Castro crearanse dúas vivendas repartidas en catro andares. No semisoto estarán dous rochos e os locais de instalación, na planta baixa habilitarase unha vivenda dun dormitorio e nas plantas primeira e no baixo cuberta crearase unha vivenda tipo dúplex de tres dormitorios.

Exit mobile version