O delegado territorial, Javier Arias, explicou que está convocada a cuarta edición das achegas, que son de concorrencia non competitiva e contan cun orzamento de 3M€
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións da academia Infórmate en Lugo, unha das firmas apoiadas por este programa, onde explicou que está convocada a cuarta edición das achegas e o prazo de presentación de solicitudes abrirase o 10 de xaneiro; os interesados poden consultar as bases no DOG ou na sede electrónica da Xunta.
As axudas, que son de concorrencia non competitiva, contan cun orzamento de 3 millóns de euros e están dirixidas á mellora enerxética das instalacións dos autónomos e pemes que desenvolvan actividades do sector servizos.
En concreto, son subvencionables proxectos de diagnose ou auditoría enerxética e actuacións que permitan reducir o consumo de enerxía, como a incorporación de elementos de control solar -toldos ou similares- ou de sistemas domóticos ou inmóticos para xestionar o gasto enerxético de maneira máis eficiente; tamén a renovación de equipos de iluminación, a substitución de equipamento -como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, vending ou frigoríficos-, e a reforma da instalación eléctrica, de climatización, ventilación e auga quente sanitaria.
En xeral, o investimento mínimo xustificable será de 1.000 euros e a intensidade de axuda alcanza o 80 % ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo. Se só se solicita axuda para asesoramento enerxético, o investimento mínimo establécese en 200 euros. Os beneficiarios poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da axuda sen necesidade da presentación de avais.
Javier Arias apuntou que se estima que as achegas beneficiarán a 700 autónomos e pemes en Galicia, que disporán de instalacións máis modernas e seguras e sumarán un aforro anual duns 600.000 euros no abastecemento enerxético.
Ademais, este programa dinamiza a economía dado que favorece unha gran capilaridade dos fondos xerando actividade nas empresas locais; prevese que o investimento mobilizado polos proxectos subvencionados acadará os 7,3 millóns de euros.
Renovación de iluminación
O Centro Galego de Estudos Infórmate recibiu unha achega do Bono Enerxía Peme na última convocatoria para a renovación completa da iluminación, substituíndo luminarias de alto consumo, fluorescentes e halóxenos por elementos de tecnoloxía LED.
En total, cambiáronse 96 puntos de luz, conseguindo unha redución do consumo eléctrico anual de preto do 57% ao pasar de 15.263 kWh a 6.596 kWh.