Alfonso Villares confirmou que están en tramitación as dragaxes de ambas dársenas e se realizan estudios previos para balizar a canle de acceso ao peirao de Ortigueira
Ortigueira, 4 de decembro de 2023. A Xunta de Galicia contempla nos orzamentos para 2024 actuacións plurianuais por importe de 2 millóns de euros para melloras nos portos de Ortigueira e Espasante, no municipio ortigueirés. Así o confirmou esta mañá o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, nunha visita á zona na que explicou os proxectos portuarios previstos para ambas dársenas.
O titular de Mar, que estivo acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, explicou que os orzamentos da Xunta de Galicia recollen as actuacións demandadas polo sector portuario, como son as dragaxes de ambas dársenas e o balizamento da canle de acceso ao porto de Ortigueira.
En canto ás dragaxes, o proxecto máis avanzado é o de Espasante, solicitado pola Confraría de Pescadores e o Concello, e que se atopa en tramitación ambiental. Esta actuación ten un orzamento total previsto de 750.000 euros. En paralelo, a Consellería do Mar, a través de Portos, está a traballar na solución técnica definitiva para o tratamento dos materiais que resulten da dragaxe do porto de Ortigueira,. Esta actuación ten previsto un investimento plurianual nos orzamentos de 1 millón de euros.
O conselleiro do Mar referiuse tamén ao proxecto de balizamento da canle de acceso ao porto. Alfonso Villares confirmou que esta actuación está tamén contemplada nas contas da Xunta para o vindeiro ano e seguintes cun orzamento plurianual de 250.000 euros. Actualmente vense de realizar unha batimetría dentro da fase de estudios previos.
Finalmente, o conselleiro anunciou que a Xunta procederá á instalación de 120 metros lineais de varandas no paseo do Malecón do porto de Ortigueira. Esta actuación completa a urbanización executada nos pasados meses na contorna dos departamentos de usuarios do porto, nos que a Xunta investiu 285.000 euros.