O investimento total na recuperación destes inmobles rolda os 725.000 euros, dos que a Unión Europea aporta algo máis de 141.000 euros e o Executivo galego os preto de 600.000 euros restantes
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023. A Xunta de Galicia asinou hoxe o convenio para rehabilitar con apoio de fondos europeos tres vivendas no concello de Viveiro cun investimento global de preto de 725.000 euros. Todas estas vivendas destinaranse a alugueiro social entre os demandantes do Rexistro único de vivendas protexidas pois terán prezo regulado durante un prazo mínimo de 50 anos.
As tres vivendas que rehabilitará o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en Viveiro no marco do Plan Rexurbe con cofinanciamento europeo son propiedade da Xunta e atópanse no número 22 da rúa Rosalía de Castro e nos números 15-17 da rúa Fernández Victorio. O investimento total nestas tres vivendas para alugueiro social -que se rehabilitarán conxuntamente- supera os 724.000 euros dos que máis de 141.000 euros corresponden ao cofinanciamento europeo.
O apoio europeo a estes traballos de recuperación de inmobles promovidos pola Xunta materialízase a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, polo que o acordo foi asinado co Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana.
Estas actuacións enmárcase na Estratexia para o desenvolvemento de vivenda de promoción pública e impulso da vivenda protexida en Galicia, aprobada pola Xunta en marzo deste ano e cuxo principal obxectivo é incrementar nun 50% o actual parque público residencial ata chegar ás 5.600 vivendas en 2026.