As intervencións contan cun prazo de execución de 15 meses e o obxectivo da Xunta é inicialas nos primeiros meses de 2024
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 4.377.785 euros a execución das obras do novo colector xeral de Burela, que permitirá a mellora do sistema de saneamento municipal.
Os traballos, adxudicados á empresa Petrolam Infraestructuras, S.L., permitirán a construción dunha estación de bombeo e tratamento que recollerá a maior parte das augas residuais de Burela para impulsalas cara á futura nova depuradora.
O obxectivo da Xunta é comezar a execución das obras nos primeiros meses do vindeiro ano, cun prazo de execución de 15 meses.
En concreto, as obras consistirán na renovación da rede de colectores xerais, para dirixir as augas residuais á nova estación de bombeo, e construiranse colectores secundarios para dar servizo á zona portuaria, reducindo a infiltración de auga ao sistema na zona da fronte marítimo.
Baixo este contrato, tamén se acometerá unha impulsión desde a estación de bombeo á nova depuradora, unha condución de vertido e a correspondente impulsión á nova depuradora da zona adxacente á lonxa.
Os traballos estarán cofinanciados pola Unión Europea no marco dos programas operativos Feder Galicia 2014/2020 e 2021-2027.
As actuacións contratadas pola Xunta contribuirán a solucionar os problemas de saneamento no concello de Burela e veranse completadas coa nova estación depuradora, cuxo proxecto está redactado e continúa avanzando para completar a tramitación ambiental e a continuación licitar as obras.
Estas dúas actuacións permitirán o correcto funcionamento do sistema municipal de saneamento e depuración e suporán un investimento global da Xunta de máis de 14 M€.