Quiroga, Taboada, Pantón, Sarria, Barreiros e Valadouro acollerán as proxeccións, que contarán coa participación de membros do equipos de gravación, realización e produción das curtas, da produtora de Bóveda Mordisco Films.
Nena. Xose A. Touriñán
Unha familia de cinco vese cambaleada pola morte dunha muller: nai, esposa, nora, cuñada… Unha situación que desestrutura o núcleo familiar e deixa a responsabilidade do mesmo a unha nena de doce anos de idade.
Un avó curtido noutra época e máis preocupado polos cartos que polo afecto. Un tío cun grande corazón de neno, mais cunha discapacidade intelectual que o converte en dependente nun sinfín de situacións. Un pai destrozado por un loito permanente e refuxiado na bebida como escape á propia realidade.
Unha nena. Unha adolescente que acaba por converterse na figura ausente, esa muller piar da unidade familiar, mais con tan só doce anos de idade. Unha nena que, ante a falta de capacidades ao seu redor, asume un rol imposto e leva as súas costas a supervivencia de tres homes.
A pasividade destas tres figuras só mudará ante a marcha da adolescente. Un desenlace que deixa desamparados a tres homes baixo un mesmo teito. Un punto de inflexión sobre o que actuar para traela de volta.
Xosé A. Touriñán, Antía Touriñán, Carlos Blanco e David Perdomo fan parte do elenco desta curtametraxe rodada en Mondoñedo.
A rabia. Alberto Díaz López
A curtametraxe, filmada no Courel, achéganos ap universo de Filomena, a bisavoa do director, nunha aldea luguesa do século XIX e os “terribles acontecementos” que lle tocou vivir.
Unha historia que chegou a oídos de Alberto Díaz en conversas familiares e que decidiu levar á pantalla.
Para recrear a atmosfera, o cineasta recorreu ás fotografías que Ruth Matilda Anderson fixo a algunhas das localizacións do filme hai máis de 100 anos.
A curtametraxe conta no seu reparto con Antonio Durán “Morris”, María Vázquez e Xosé A. Touriñán.
Datas
26 de decembro
Auditorio Casa da Cultura de Quiroga. 19.30 horas.
27 de decembro
Centro Social San Cosme de Barreiros. 20.30 horas.
28 de decembro
Casa da Cultura. Ferreira do Valadouro. 19:00 horas
Sociedad La Unión. Sarria. 19:30 horas
29 de decembro
Salón de Actos do Cuartel Vello. Taboada. 20.30 horas
30 de decembro
Local Social San Fiz de Cangas. Pantón. 19:00 horas
Apoio ao audiovisual
Estas sesións de cinema cuarto encádranse nas iniciativas de apoio a difusión do audiovisual galego e en galego da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, con propostas como o Ciclo Mestre Mateo, que proxectou as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos últimos Premios Mestre Mateo, ou as sesións de Cine na rúa, cunha vintena de proxeccións nos meses de verán.