Site icon Crónica3.com A Mariña

A UNED de Lugo e a Fundación Breogán visitan a Mariña co proxecto ‘Ningún aro sen rede’

Lugo, 1 de decembro, 2023. ‘Ningún Aro Sen Rede’, un proxecto da UNED de Lugo, a Fundación Breogán e a empresa Ecoballution, xorde da idea de lograr as sinerxías necesarias para proveer a aqueles centros escolares que o demanden de redes de baloncesto artesanais, recicladas e sostibles.

Mediante esta iniciativa, activa dende o curso 2022-2023, as entidades fundadoras fan visitas aos centros educativos para por en marcha a actividade e onte foi a quenda de dous colexios da Mariña Lucense, o CEIP Gregorio Sanz, en Ribadeo, e o CEIP San Cosme, en Barreiros.

A primeira parada foi no CEIP Gregorio Sanz, onde agardaban os estudantes de 6º de primaria para facer a actividade que foi impartida polo Director da Fundación, Salvador Arco, e a bióloga ambiental da UNED, Paula Fernández Moure.

A segunda parada foi no CEIP San Cosme, onde se xuntaron os rapaces e rapazas de distintos niveis educativos e tiveron a oportunidade de coñecer a mascota do Club de Baloncesto Breogán, Máximus.

Durante o transcurso da actividade, Salvador e Paula explicaron en que consiste o proxecto, dende o material do que están feito as redes de Ecoballution ata a importancia da reciclaxe do material escolar. Despois da parte teórica, pasaron a parte lúdica da visita, onde profesorado e estudantes puideron participar en competicións de baloncesto para conseguir distintos agasallos proporcionados polo club e a universidade.

Trátase dunha pequena acción que pretende ser exemplo de economía circular, fomentando e respectando algún dos principios e valores da Axenda 2030 da ONU.

Exit mobile version