A Mariña, 14 de decembro de 2023. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense pon en marcha un programa de Xeoturismo a través do Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que arrincará este mes de decembro. E así avanza na súa execución. O PST está cofinanciado pola Mancomunidade, co apoio da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
O programa de Xeoturismo inclúe rutas e visitas xeolóxicas guiadas, tamén con motivo do Xeolodía, e formación. A adxudicación recaeu nun equipo técnico e consultor conformado por expertos guías, xeólogos e intérpretes do patrimonio coordinados pola empresa de turismo activo e axencia de viaxes Volta Montana.
Desde a Mancomunidade explican que “A Mariña conta cun patrimonio xeolóxico moi relevante en distintos lugares do territorio, desde a costa ao interior. De feito, nos últimos anos, este patrimonio lévase poñendo en valor coa organización de xeorutas por parte dos concellos e tamén con A Mariña en Ruta. Estas actividades resultan moi exitosas, tendo unha gran demanda e participación do público. As visitas á Cova do Rei Cintolo e ao complexo histórico e recreativo das Minas Consuelo e Boulloso son actividades cada vez máis valoradas e demandadas polo público en xeral como un modo de iniciarse na espeleoloxía e no xeoturismo. Ademais destas actividades destinadas a un público máis xeralista, desde fai un tempo tamén se comezaron a ofrecer actividades máis esixentes e de nicho – coma as Mareas Vivas As Catedrais, a baixada ao nivel -1 da Mina Consuelo ou a visita ao río da Cova do Rei Cintolo, que tamén gozan dunha importante demanda de público”. E engaden que “ademais, a Federación Galega de Espeleoloxía, encóntrase desenvolvendo o proxecto de Espeleoparque da Mariña, coa identificación e investigación dos recursos que demostra o interese e posibilidades futuras neste ámbito para o territorio”.
Rocío López, presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, referiuse a esta actuación: “o obxectivo xeral do PSTD na Mariña é o de impulsar un desenvolvemento turístico sostible, poñendo en valor o noso patrimonio cultural e natural para afrontar o reto demográfico; especialmente nas áreas rurais dos municipios. Con esta actuación trátase de alcanzar un uso sostible dos recursos turísticos, crear e consolidar produtos con recursos endóxenos e de calidade, que contribúan á desestacionalización, á distribución dos fluxos turísticos, así coma á cohesión do destino. E creo que seguindo esta liña de traballo con esta e outras accións do plan, pouco a pouco, imos poder conseguilo”.
Tania Hermida, xerente do Plan de Sostibilidade, relatou que “resultado do traballo que se fixo primeiro para optar ao financiamento do PSTD e logo para definir moi ben os proxectos que se ían desenvolver de xeito participativo con concellos, sector privado e axentes relacionados xurde este proxecto en torno ao xeoturismo. Trátase dunha oferta turística que neste caso ten na xeoloxía o motivo principal de atracción, pero que ademais é un turismo que trata de apoiar e mellorar a identidade dun territorio considerando outros aspectos como o medio ambiente, a cultura, os residentes, etc”.
A presidenta da Mancomunidade contou que “este programa de xeoturismo, que comeza agora e seguirá durante o 2024, podemos dicir que está composto de catro piares: un calendario de actividades de xeoturismo como xeorutas e visitas guiadas, tamén con motivo do Xeolodía 2024, unha serie de accións formativas destinadas a xestores do territorio, informadores e técnicos de turismo, guías e empresas de actividades turísticas e unha proposta de ubicación de elementos de sinalización de temática xeolóxica e de baixo impacto visual”.
Rocío López anunciou: “queremos inaugurar este proxecto organizando unha primeira actividade de xeoturismo o próximo 30 de decembro. Será por Trabada, na parroquia de Vilapena, baixo o nome de Xeoruta de Cerrochán, guiada polo xeólogo Iván Lombardero. Unha ruta que levará aos participantes ata o Alto de Cerrochán, permitirá coñecer e entender tanto aspectos xeolóxicos coma da p
Toda a información sobre esta Xeorruta por terras de Trabada poderá atoparse no seguinte enlace: https://amarinalucense.gal/es/geoturismo
Esta actividade é gratuíta, pero é preciso anotarse para participar.
A xerente do PSTD indicou que “está previsto que o forte do calendario de actividades de xeoturismo, que serán un total de 22, teñan lugar durante os meses de marzo, abril, maio, xuño e setembro. E as formacións desenvolveranse en tempada baixa, de febreiro a marzo, para facilitar a asistencia dos profesionais interesados. A medida que se vaian cerrando todos os detalles irase informando de todo elo”.