Ribadeo, 4 de decembro de 2023. A maioría do comercio asociado a Acisa Ribadeo abrirá as súas portas o vindeiro venres, 8 de decembro.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “nestes días a nosa entidade informou ás nosas asociadas e asociados sobre as posibles aperturas dos seus negocios os días 6 e 8 de decembro, xa que por lei está permitida nas dúas xornadas. Tras as consultas realizadas entre os comerciantes asociados, podemos informar que en Ribadeo poderanse encontrar case todas as tendas abertas o venres 8. No caso do mércores 6 as aperturas serán moito menores, pero tamén haberá comercios abertos”.
Cruzado Iglesias anima “á veciñanza da comarca e aos visitantes a desfrutar de Ribadeo, porque esta vila conta cunha amplísima variedade de tendas e aquí sempre van atopar o que precisan. Calquera dia e bo para visitarnos, porque a hostalaría sempre está aberta para tomar algo, comer ou cear, pero ademais nesta ponte o venres é un día fantástico para vir facer as compras a Ribadeo. Ademais poderán gozar estes días de diferentes actividades, que complementarán a oferta de ocio e os atractivos turísticos que o Nadal nos ofrece, e sen esquecer a Pancha, a moeda local ribadense”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, anuncia que “como soe ser habitual, vimos de informar os nosos socios, que grazas ás ampliacións horarias solicitadas por Acisa, as madrugadas do 5 ao 10 de decembro terán dúas horas mais sobre o horario de peche habitual. Do mesmo xeito terán dúas horas mais do 22 ao 31 de decembro.Grazas a esta autorización tramitada pola nosa asociación os bares e cafeterías poderán pasar de pechar ás 02:30 a facelo ás 04:30 horas, as discotecas e salas de festas de 06:00 a 08:00; e os pubs das 04:00 ás 06:00 da madrugada. Parécenos moi interesante poder ofrecerlle este servizo os nosos asociados e asociadas, deste xeito dáselles a oportunidade de poder traballar mais horas durante a celebración destas datas onde as ceas de traballo, de amigos e de familia son moitas e as ganas de festexar e celebrar son aínda mais. Deste xeito os mozos e mozas e os que non o son tanto, poderán desfrutar de mais horas de lecer na nosa hostalaría”.
E engade: “en Acisa Ribadeo este Nadal sumámonos, como non podía ser doutro xeito, á campaña nacional Somos a maxia que ilumina as túas rúas na que os comercios dos Centros Históricos de España se unen para celebrar o Nadal. A través da COCAHI (Confederación de Centros Históricos de España) da que forma parte Acisa Ribadeo, lanzamos a campaña na que poñemos ao pequeno comerciante, ao comercio de barrio, e ao comercio tradicional no centro da relevancia destas datas. Esta campaña pretende reivindicar o comercio das nosas cidades e vilas, somos a tradición, somos o Nadal, somos a garantía, somos o trato personalizado e directo, somos o negocio que fai cidade, e por iso animámosvos a gozar do Nadal nas nosas cidades e vilas como Ribadeo e a facer as compras destas datas nas nosas tendas”.