Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación licita por 2,2M€ o primeiro lote de equipamentos tecnolóxicos que proporcionará gratis aos 52 concellos que decidiron adherirse ao Impulsa TIC

A Xunta de Goberno aprobou sacar a contratación o subministro do material, co que promove a transformación dixital das entidades locais e que poidan prestar así un mellor servizo á veciñanza. Nas vindeiras semanas licitará servizos por outros 2,3M€, co que completará o investimento de 4,5M€ co que está dotado en total o proxecto

Lugo, 29 de decembro de 2023. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación, por un importe de preto de 2,2M€, do subministro do primeiro lote de equipamentos e servizos tecnolóxicos que, unha vez adquiridos, a institución provincial proporcionará de maneira gratuíta aos 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ao programa Impulsa TIC.

Un proxecto que, como explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, a Deputación puxo en marcha “grazas aos fondos que conseguimos da Unión Europea, e que ten como obxectivo colaborar cos concellos para avanzar na súa transformación dixital e, polo tanto, ofrecer un mellor servizo aos veciños e veciñas”.

En concreto, o material que a Xunta de Goberno aprobou licitar servirá para mellorar a eficiencia dos servizos básicos da Administración dixital e favorecer as sinerxías e a colaboración entre entidades; a creación de oficinas municipais de prestación de servizos electrónicos aos cidadáns; a integración dos sistemas de tramitación municipais cos sistemas de padrón e contable; e a implantación dun sistema de automatización e dixitalización dos plenos municipais.

“Nas vindeiras semanas aprobaremos a licitación de material por outros 2,3 millóns de euros, co que completaremos o investimento de 4,5 millóns de euros co que está dotado en total o programa Impulsa TIC”, explicou García Porto, quen engadiu que, unha vez licitados e adxudicados todos os equipos e servizos, a Deputación procederá á súa distribución entre os 52 concellos que decidiron sumarse a este proxecto.

A Deputada lembrou que “todo o material atende á realidade e ás necesidades” que os propios concellos lle trasladaron á institución provincial, e que se seguiron criterios obxectivos para a súa distribución, dun xeito semellante ao Plan Deputación.

Dúas novas edicións do Coñece a túa Provincia

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou licitar a prestación dos servizos do programa Coñece a túa provincia durante os anos 2024 e 2025 por un importe de preto de 440.000€. Durante estas dúas tempadas, a Deputación ofrecerá en total preto de 5.000 prazas con este programa de viaxes gratuítas pola provincia das que poden beneficiarse as entidades sen ánimo de lucro que teñen a súa sede nalgún dos 67 concellos lucenses.

“Arrancamos o Coñece a túa Provincia no ano 2021 cunha gran acollida, e dende entón, nas tres edicións que sacamos adiante, participaron case 8.000 persoas e 358 colectivos, co que conseguimos un retorno económico estimado de medio millón de euros no territorio, sobre todo no sector hostaleiro, turístico e comercial”, valorou García Porto, que trasladou a satisfacción do Goberno coa marcha desta iniciativa coa que “buscamos fomentar o coñecemento da riqueza patrimonial da provincia entre os propios veciños e veciñas e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía local”.

Rutas fluviais e mantemento de zonas verdes

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a renovación de dous encargos á empresa pública Tragsa, como medio propio da Deputación. Por unha banda, o encargo para a prestación do servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra durante o vindeiro ano 2024, prorrogable por outros tres anos, por un importe económico de case 850.000€. Unha decisión que, segundo recalcou García Porto, permitirá manter “un servizo público de calidade, moi atractivo, que está sendo clave na oferta turística da Ribeira Sacra e tamén do conxunto da provincia”.

Lembrou a Voceira socialista e Deputada de Turismo os datos “tan positivos” da temporada 2023, “na que conseguimos bater o récord de pasaxeiros, superando as 60.400 persoas que decidiron desfrutar da Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación de Lugo”.

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou renovar o encargo a Tragsa para a conservación e o mantemento das zonas verdes de titularidade provincial durante o 2024 e o 2025, prorrogables por outros dous anos máis, por un importe de 1,9M€. A Deputación ten 82 hectáreas de zonas verdes repartidas en 39 espazos de 19 concellos da provincia: Lugo, A Pontenova, Antas de Ulla, Barreiros, Chantada, Friol, Mondoñedo, Monforte de Lemos, O Incio, Navia, O Saviñao, Paradela, A Pastoriza, Portomarín, Quiroga, Sober, O Corgo, Rábade e Quiroga.

Exit mobile version