O Presidente, José Tomé Roca, asinou co Alcalde fonsagradino, Carlos López López, un acordo mediante o que a institución provincial facilita que o Concello adquira equipamento co que poderá ofrecer unhas mellores prestacións aos veciños e veciñas
Lugo, 16 de decembro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración co Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, para ampliar e renovar o parque móbil municipal e mellorar o servizo de augas fonsagradino. Grazas á aportación da institución provincial por importe de 120.000€, o Concello poderá adquirir equipamento co que prestará ofrecer unhas mellores prestacións aos seus veciños e veciñas.
En concreto, a entidade local comprará un camión con gravilladora; unha apisonadora autopropulsada; unha desbrozadora forestal de brazo para acoplar ao tractor; unha pick-up; unha placa compactadora usada; un grupo electróxeno usado para soldadura; seis depósitos de auga para uso alimentario e un caudalímetro electromagnético.
Con este investimento, subliñou o Presidente, “estamos demostrando de novo que a cooperación cos concellos é a función esencial desta institución e que, sen ela, moitos municipios non poderían prestar os servizos que precisan aos seus veciños”. Engadiu que, nun concello de Montaña coma este, “é fundamental contar con maquinaria axeitada para o mantemento de estradas, dos camiños e do conxunto dos servizos básicos necesarios para a veciñanza”.