O programa inclúe este ano a tradicional entrega de premios, un food truck con degustación gratuíta e pasarrúas. Os visitantes poderán adquirir tamén outros produtos do territorio como queixo San Simón da Costa, roscón ou produtos artesanais
Lugo, 14 de decembro de 2023. A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, xunto á Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, presentaron este xoves no Parador da localidade unha nova edición da Feira do Capón, que se celebrará o vindeiro 21 de decembro na Praza da Constitución. “Un dos eventos máis esperados da nosa comarca e de toda a provincia, co que abrimos a porta ás festas do Nadal”, valorou Morandeira.
“Esta feira é unha celebración do que somos, da nosa identidade, da nosa historia, do noso rural e da nosa dedicación á terra. Unha cita que se leva facendo case dous séculos e que sería imposible sen a implicación, ano tras ano, dos propios criadores”, sinalou a Deputada, que comezou a súa intervención dándolle os parabéns á Alcaldesa e a todo o seu equipo de Goberno por impulsar esta iniciativa. Unha cita “que pon en valor a nosa riqueza gastronómica e cultural e que, ao mesmo tempo, ten un retorno económico enorme para Vilalba e para a Chaira”.
Destacou que “a feira do Capón de Vilalba fala moi ben do noso bo facer e da calidade dos nosos produtos” e cualificou este produto como “delicia gastronómica, cun sabor único e tenro que non ten outro segredo que o mimo na cría”.
A Alcaldesa, que estivo acompañada no acto pola concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, avanzou que o programa deste ano inclúe a tradicional entrega de premios aos mellores criadores, un food truck con degustación gratuíta e pasarrúas.
Ademais do Capón de Vilalba, que conta coa Indicación Xeográfica Protexida, na feira poñeranse á venda outros produtos típicos da zona como o Queixo San Simón da Costa con Denominación de Orixe, así como doces como o roscón e a rosca.