A Xunta de Goberno acordou unha achega de 120.000€ ao Concello da Fonsagrada para que poida ampliar e renovar o parque móbil municipal e mellorar o servizo de augas
Lugo, 1 de decembro de 2023. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investimentos por un importe que supera os 610.000€ para a dotación e a mellora de servizos e infraestruturas dos veciños e veciñas da provincia, en colaboración cos concellos e co tecido empresarial.
Segundo explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, a institución provincial aportará 120.000€ ao Concello da Fonsagrada para que poida ampliar e renovar o parque móbil municipal, e mellorar o servizo de augas, “isto é, para prestar uns mellores servizos ós veciños e veciñas”. En concreto, grazas a este investimento da Deputación, o Concello adquirirá un camión con gravilladora; unha apisonadora autopropulsada; unha desbrozadora forestal de brazo para acoplar ao tractor; unha pick-up, unha placa compactadora usada; un grupo electróxeno usado para soldadura; seis depósitos de auga para uso alimentario e un caudalímetro electromagnético.
Con esta nova aportación económica, dixo García Porto, “estamos demostrando de novo que a cooperación cos concellos é a función esencial desta institución e que, sen ela, moitos municipios non poderían prestar os servizos que precisan aos seus veciños”.
Apoio ao tecido empresarial
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou un convenio de colaboración a través do que a Deputación de Lugo achegará 90.000€ á Confederación de Empresarios de Lugo para despregar un proxecto denominado Gabinete Empresa Século XXI, dirixido a “fortalecer, diversificar e mellorar a competitividade do tecido empresarial da provincia con actividades como xornadas formativas; un foro para fomentar a industrialización do rural; estudos para mellorar a planificación loxística; o impulso da prospección comercial ao mercado internacional; e a publicación de Lugo en Cifras, unha recompilación actualizada dos datos demográficos, sociolaborais e económicos máis significativos da provincia de Lugo”, indicou García Porto. “Esta nova colaboración coa CEL responde ao compromiso que mantemos dende a Deputación de Lugo co apoio aos sectores produtivos para favorecer a xeración de riqueza e emprego”, destacou a Deputada.
Actuacións para mellorar a mobilidade
Seguindo na liña de mellorar a mobilidade no conxunto da provincia, o Goberno provincial acordou a licitación de obras para o acondicionamento de dúas estradas provinciais ao seu paso pola Ulloa. Trátase da LU-P-0302, que une Antas co límite provincial de Pontevedra por Santa Mariña, á que a Deputación destina 186.000€ para a drenaxe, aglomerado e pintado do tramo que vai dende o punto quilométrico 6,6 ó 9,9. A outra estrada é a LU-P-4003, que une os núcleos de Coence e Santa Mariña por Chorexe. Neste caso, saen a licitación obras para renovar o firme do treito entre os puntos quilométricos 4,4 e 5,5 por un importe de preto de 100.000€. En ámbolos dous proxectos, o prazo de execución é de 2 meses.
Servizos para o rural
A Xunta de Goberno aprobou o último trámite administrativo para o pago de subvencións por un importe total de case 18.000€ a tres entidades asociativas da provincia que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios da Deputación de Lugo. Trátase da asociación de veciños de Ferreiros de Balboa, de Becerreá, que recibirá 6.000€ para a mellora dun camiño; a asociación veciñal O Cruceiro de San Pedro de Seixas, de Cospeito, que percibirá 6.000€ para a reforma da casa-escola; e a comunidade de usuarios de auga de Vilaverde, en Navia de Suarna, que cobrará 6.000€ para a mellora da traída de auga para uso doméstico e gandeiro.
O Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios consiste na colaboración económica con entidades asociativas da provincia -como agrupacións veciñais, comunidades de augas e de montes, e asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais-, para acometer obras en servizos, equipamentos e infraestruturas que inciden no seu día a día, tales como pistas, accesos, locais sociais, traídas de auga, fontes ou espazos públicos comunais. Actuacións coas que “estamos contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida e, desta forma, a fixar poboación no noso rural”, destacou Pilar García Porto.
Novas dotacións nos paseos de Ombreiro, Rato e Paradai
Outra das medidas que saíron adiante nesta reunión do Executivo foi a licitación do alugueiro de cabinas sanitarias autónomas móbiles, totalmente accesibles, xunto co seu mantemento e limpeza diarias, para a súa instalación no entorno dos paseos de Ombreiro, Rato e Paradai. O importe do contrato é de 96.000€ e a súa duración, de 4 anos.