Ribadeo, 15 de decembro de 2023. O alcalde, Dani Vega, fai unha valoración moi positiva do respaldo que está a ter a campaña das Panchas. Hoxe cúmprense dous meses do inicio desta nova edición e xa foron canxeadas 177.000 das 200.000 postas en circulación o pasado 15 de outubro.
O rexedor contou que “en dous meses foron canxeadas algo máis de 177.000 panchas das 200.000 que puxemos en circulación o pasado 15 de outubro, que foi cando arrincou esta nova edición da nosa moeda local. Quedan quince días e debemos aproveitar para empregalas, xa que aínda hai 23.000 panchas dispoñibles para poder canxear”.
Vega subliñou que “xa foron empregadas 157.000 panchas polos clientes para realizar as súas compras no comercio en Ribadeo, para consumilas tamén na hostalería local, en definitiva en todos os sectores que se adheriron a esta moeda local. Son 100 locais en total e xa foron realizadas 2.500 operacións”.
Para o alcalde “os datos son moi importantes e significativos do gran respaldo que ten esta campaña e que causa un impacto económico na nosa vila. Facemos unha valoración moi positiva desde Acisa e desde o Concello, xa que estamos a impulsar esta campaña e cremos que hai que seguir con ela”.
Dani Vega engadiu que “aqueles que precisen as panchas ou aqueles que aínda non fixeron compras con elas teñen ata o 31 de decembro para facelo. Aínda quedan 23.000 panchas para canxear. Creo que si estamos usando a moeda local estamos impulsando a hostalería, o comercio… sen lugar a dúbida todo o tecido económico da vila, que é realmente o que importa. Desde o Concello e desde Acisa facemos esa valoración positiva e dispostos a seguir camiñando en medidas que impulsen a nosa economía local”.