A coordinadora da aula, Marta Muiña Rodríguez, sinala que “estas charlas están dirixidas ao alumnado dos centros de ensino medio e ao público en xeral que poida estar interesado, para que coñezan de primeira man a oferta educativa, as titulacións e os recursos que presenta esta aula universitaria. O contido das mesmas irá orientado á presentación da aula e dos servizos cos que conta, dende os distintos graos ata o curso de acceso á universidade para maiores de 25 e 45 anos, pasando pola variada oferta de actividades de extensión universitaria e culturais”.
A concelleira da aula universitaria da UNED de Foz, Elena Martínez Pena, sinala: “preténdese achegar á cidadanía do noso concello e dos municipios veciños ás posibilidades da aula, presentándose como unha opción para cubrir as súas necesidades formativas ou culturais, e así servir como un dos referentes na oferta educativa da comarca da Mariña”.
E Marta Muiña engade que “tamén se busca presentar a metodoloxía da UNED, caracterizada por unha modalidade de educación a distancia semipresencial, baseada nas novas tecnoloxías combinadas con sistemas máis tradicionais, como libros de referencia nos distintos campos ou as titorías presenciais ou virtuais nos diferentes centros asociados”.
Desde a aula universitaria da UNED de Foz móstranse dispostos a presentar a súa oferta a todo aquel que poida ter interese, polo que invita a calquera outro concello da parte central ou oriental da Mariña que desexe organizar un encontro deste tipo a poñerse en contacto coa concelleira responsable, Elena Martínez Pena (698.110.727), ou coa propia aula universitaria no teléfono 982.133.699, no WhatsApp 604.034.549 ou no correo electrónico foz@lugo.uned.es.