En 2022 as aportacións ascenderan a 6.300€
Burela, 21 de decembro de 2023. A Asociación Esperanza de loita e apoio contra o cancro fará donación nas vindeiras semanas dun total de 7.500,00 euros a cinco entidades vencelladas coa investigación contra o cancro e de apoio ás familias con nenos e nenas afectados pola enfermidade, para tentar axudar ao seu traballo na prevención, diagnose, tratamento e recuperación das persoas e familias afectadas polo cancro.
Esta decisión fora tomada pola asamblea de asociados de Esperanza celebrada no pasado febreiro, ainda que non foran fixadas as contías á agarda de saber con que diñeiro se podía contar. As entidades que recibirán a aportación de Esperanza son o Centro Nacional de Investigación Oncológica (CNIO), a Fundación Centro Oncológico de Galicia José Antonio Quiroga Piñeiro, a Asociación Somos Unidos por el cáncer de Lugo, a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), e o Grupo Español de Investigación en Cáncer de Mama (GEICAM). A cada unha das entidades donaráselles 1.500,00 euros.
O CNIO, o GEICAM, a Fundación IDIS e a Fundación do Centro Oncológico de Galicia son institucións con recoñecido traballo e prestixio na investigación oncolóxica. Se os dous primeiros están ubicados na Comunidad Autónoma de Madrid, as dúas segundas están asentadas en Galicia e están amosando avances na loita contra o cancro e acadando recoñecementos públicos polo seu traballo de investigación.
Se o Centro Oncolóxico de Galicia, ubicado na cidade de A Coruña, xa é coñecido dende hai anos, a Fundación IDIS traballa dende 2008, entre outros campos, na investigación de terapias personalizadas no tratamento oncolóxico. A investigación oncolóxica está dirixida polo xefe de servicio de oncoloxía médica do CHUS Rafael López López e conta, entre outros, co prestixioso doutor Angel Carracedo.
Pola súa banda, a Asociación Somos Unidos por el Cáncer de Lugo leva xa anos facendo un inxente traballo de asesoramento e acollida ás familias de nenos e nenas en proceso de diagnose e tratamento oncolóxicos, e posterior recuperación.
“Dende Esperanza somos conscientes de que as axudas que aportamos son pequenas contías, mais entendemos que toda axuda é pouca para a loita contra o cancro. E ese é o noso obxectivo, a recaudación de fondos para donar e apoiar a aquelas entidades ou colectivos que están a desenvolver proxectos para tentar paliar os efectos desta enfermidade que a todos e a todas nos pode afectar, directa ou indirectamente, en calquera momento das nosas vidas. Amais de cumplir a vontade da asamblea de asociados de ESPERANZA, a asociación, con estas pequenas aportacións que se farán nas vindeiras semanas, quere agradecer e recoñecer o traballo que están a facer as entidades perceptoras”.
Por último, lembrar que en 2023 Esperanza incrementa o volumen das aportacións, que pasan de 6.300,00 euros en 2022 a 7.500,00 no presente 2023.