Xove, 20 de novembro de 2.023. Dende o departamento de Muller e Igualdade, pertencente á delegación de Servizos Sociais, Sanidade, Xuventude, Muller e políticas de Igualdade do Concello de Xove organízase durante esta semana unha serie de actos en conmemoración do 25N:
O xoves, 23 de novembro ás 11:30h. No Salón de Actos do Centro Cívico, representación da Obra Teatral da compañía galega Chévere: As fillas bravas de Momán:: un recital teatralizado representado que actualiza a vixencia dos valores da cultura tradicional. É tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflectidos nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX. A idea é achegarse a algunhas zonas nas que intuímos que a muller gozou de autonomía, extraendo textos do cancioneiro que poidan alumear xestos de rebeldía e autoafirmación. Cuestionar esoutro estereotipo que caracteriza á sociedade galega rural como conservadora, atrasada, inmobilizada, submisa, que reduce ás mulleres ao ámbito privado da familia.
A peza teatral estará interpretada polas actrices: Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar.
O venres, 24 de novembro: terá lugar a iluminación da fachada do Concello de cor morada, e a colocación dun gran lazo da mesma cor, que permanecerán durante toda a fin de semana decorando a Casa Consistorial, en firme apoio á eliminación desta praga que representa a violencia contra as mulleres.