Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro mostra o seu potencial como destino turístico gastronómico en Xantar

Viveiro, 2 de novembro de 2023. O Concello de Viveiro está presente desde hoxe en Xantar 2023, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra en Ourense. A vila conta cun stand propio no que ata o domingo se promociona o atractivo histórico e paisaxístico da comarca, a Semana Santa e a súa gastronomía.

Na xornada de hoxe, estiveron representando ao concello a concelleira de Turismo, Marisol Rey, e o concelleiro do Mar, Jesús Fernández. A alcaldesa, María Loureiro, non puido asistir pola súa axenda de traballo municipal.

“A nosa gastronomía está chea de produtos recoñecidos pola súa calidade e a súa tradición. Temos o noso Pan dos Apóstoles e, como non, a nosa merluza do pincho. O sector pesqueiro de Viveiro, e en concreto o porto de Celeiro, traballa duro cada día baixo criterios de sostenibilidade para facernos chegar un produto único”, asegurou na súa intervención Marisol Rey.

O concello ofreceu hoxe en Xantar unha degustación de empanada de merluza do pincho e Pan dos Apóstoles, e difundirá durante estes días material de promoción turística.

O stand servirá tamén de punto de encontro con turoperadores e profesionais do sector, xunto co público en xeral que sempre enche Xantar atraído polo amplo programa de actividades.

Exit mobile version