O programa da décimo oitava edición das xornadas leva por título “O Camiño: Cultura e tradición” e desenvolverase do venres 1 ao domingo 3 de decembro en Ribadeo
Ribadeo. Sábado, 25 de novembro de 2023. Unha vintena de especialistas de ámbitos diversos participarán a próxima fin de semana en Ribadeo na décimo oitava edición das Xornadas Mar por Medio que, baixo o título de O Camiño: Cultura e tradición, organiza a Academia Xacobea coa colaboración do Concello de Ribadeo, a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación de Lugo. Unha decena de conferencias, unha mesa redonda, unha exposición, un concerto, unha visita guiada e un obradoiro de nutrición e gastronomía integran o programa de actividades que se desenvolverá desde primeira hora da tarde do venres 1 de decembro ata o mediodía do domingo 3.
Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Carlos Villanueva, catedrático emérito da USC e musicólogo; Ildefonso de la Campa, director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño; Pablo Ramil Rego, director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC; Gregoria Cavero Domínguez, catedrática de Historia Medieval da Universidade de León; Rosaura Leis, catedrática de Pediatría da USC e presidenta da Federación Española de Nutrición; Antonio Botana, cociñeiro do restaurante Ramonita e integrante do Grupo Nove; Javier Gómez-Montero, catedrático de Literaturas Románicas da Universidade de Kiel; Celia Castro Fernández, catedrática de Historia da Arte da Escola de Arte Superior de Deseño Ramón Falcón; Elena Goyanes Vilar, xornalista e divulgadora da artesanía galega; Rubén Lois González, catedrático de Análise Xeográfica Rexional da USC; Xosé María García Palmeiro, xornalista e director de comunicación do Consello da Cultura Galega, e John Rutherford, profesor emérito do Queen’s College da Universidade de Oxford ademais de impulsor das Xornadas desde os seus inicios, serán os relatores e os responsables de converter Ribadeo en punto de encontro de todos os interesados na arte, a música, as tradicións, a historia ou as paisaxes do Camiño de Santiago. Xunto a eles estarán ademais, exercendo de presentadores ou moderadores María del Carmen Rodríguez Cancelo, directora da Coral Polifónica de Ribadeo; os académicos Francisco Durán, Ulises Bértolo, Marcelino Agís, Luís Celeiro, María Josefa Sanz Fuentes e Xesús Palmou, o xornalista Javier Rivera Ponte e Manuel Valín Valdés, persoa clave tamén na creación das Xornadas.
O auditorio Hernán Naval acollerá a maioría das actividades destas XVIII Xornadas Mar por Medio, que darán comezo o venres 1 co acto inaugural programado para as 16.30 horas. Ademais, os asistentes desprazaranse ao santuario de Nosa Señora das Virtudes para realizar unha visita guiada e participarán nun obradoiro de gastronomía no Centro Sociocomunitario da capital ribadense.
A inscrición para participar nas actividades é gratuíta e os interesados en facelo só teñen que completar o formulario habilitado na páxina web da Academia Xacobea http://academiaxacobea.gal/inscripcion-mar-por-medio/ onde poderán descargar tamén o programa completo das Xornadas.