A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá nun acto de presentación de resultados do plan de innovación da empresa Medrar Smart Solutions apoiado por InnovaPeme 2022
Lugo, 27 de novembro. A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, participou esta mañá no acto de presentación de resultados do plan de innovación de Medrar Smart Solutions, apoiado polo Goberno galego a través do programa InnovaPeme 2022 cunha axuda de 74.000 euros. A empresa realizou melloras internas como sistematizar a consultoría de proxectos a través de Intelixencia Artificial, Machine Learning e Big Data; crear un departamento de innovación propio, mellorar procesos e implantar ferramentas de innovación estratéxica sustentable.
Patricia Argerey aproveitou a súa intervención na mesa redonda A innovación ao servizo de Galicia para subliñar a importancia da innovación como factor de transformación e competitividade das empresas, especialmente das pemes, e destacou instrumentos como o Programa de Impulso á Innovación nas Pemes ou o programa Conecta Lugo para achegar as vantaxes de innovar, informar e asesorar en todo o territorio.
Precisamente, a Xunta de Galicia acaba de resolver a convocatoria conxunta dos programas InnovaPeme e DeseñaPeme 2023, enmarcados no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, que teñen como obxectivo impulsar a competitividade das pemes galegas a través da innovación e o deseño. Dos 64 plans de innovación e deseño apoiados con 3,8 M€, 11 corresponden á provincia de Lugo, o que representa un 17% do total, cinco son para desenvolver plans de innovación e seis para plans de deseño. En total, recibirán unha axuda de 727.300 euros e mobilizarán 1.454.600 euros.