O presidente da Xunta visitou as instalacións do Grupo Lence en Lugo
Lugo, 7 de novembro de 2023. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe ao sector lácteo coma un dos motores da economía do rural galego e agradeceu a súa contribución a difundir a marca Galicia calidade fóra da comunidade. “Temos empresas das que presumir, que nos representan e que están collendo cada vez máis potencia nun mundo cada vez máis difícil polo competitivo que se fai”, asegurou.
Durante unha visita a un dos centros pertencentes ao Grupo Lence en Lugo, o titular do Goberno autonómico lembrou que Galicia é unha “potencia láctea” xa que máis do 40% do leite que se produce en España ten orixe nunha granxa galega e que é a comunidade na que máis aumentou a produción nos últimos cinco anos.
“É fundamental que empresas como as que conforman este grupo sigan funcionando porque moven o noso rural, que hai que modernizar, hai que facer fronte a todos os retos, a todos os desafíos, a todos os perigos que hai agora mesmo. Hai que manter toda a actividade dun rural como o galego que non pode esmorecer en ningún caso”, indicou.
Neste sentido, o titular do Goberno autonómico comprometeu o apoio da Xunta a favor deste sector, ao que destina cada ano 100 millóns de euros no seu conxunto e que conta con medidas específicas para os gandeiros coma a Contaláctea -unha ferramenta dixital para mellorar a xestión das explotacións- ou axudas directas para promover investimentos nas granxas ou incentivar a remuda xeracional.
Grupo Lence, un referente
Alfonso Rueda salientou a contribución de empresas como Grupo Lence a construír unha Galicia puxante e potente que aposta por medrar e expandirse sen renunciar as súas orixes. Neste caso, o presidente agradeceu á dirección desta empresa familiar que todo o leite que recolle e transforma sexa de granxas galegas, o que axuda a xerar riqueza e emprego no agro da comunidade.
“Se o noso agro segue tendo oportunidades de traballo e capacidade para responder unha demanda cada vez máis esixente, iso tamén quere dicir que Galicia ten futuro”, asegurou.