O orzamento ascende a máis de 35.000 euros, segundo subliña o alcalde
Ribadeo, 7 de novembro de 2023. En Ribadeo deu comezo onte, luns, a instalación da iluminación de Nadal. O orzamento ascende a máis de 35.000 euros, segundo deu a coñecer o alcalde, Dani Vega.
O rexedor manifestou que “Ribadeo dálle a benvida ao Nadal. Xa estamos iluminando as rúas para abrazar ese Nadal que queremos pasar todos entre familia e amigos”.
Vega contou que haberá unha ampla programación con moitas novidades: “estamos a construír un Nadal que está pensado para todas as idades. Haberá actividades para todos e moitas novidades e dese logo queremos que sexa un Nadal de todos os ribadenses e tamén acoller a aqueles visitantes que veñen a gozar do Nadal ribadense”.
O alcalde sinalou que “pouquiño a pouco dámoslle a benvida ao Nadal, estamos a iluminar as rúas, incrementamos o orzamento destinado a este fin, vamos superar os 35.000 euros, pero tamén contaremos cun orzamento moi importante para ter moitas actividades e un dinamismo económico na nosa vila neste Nadal de todos os ribadenses”.
O alumeado será acendido en Ribadeo o vindeiro 1 de decembro, xornada na que tamén dará comezo o Mercado do Nadal, que se prolongará ata o día 10.