A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “do 24 ao 26 de novembro terán lugar as Xornadas de Exaltación da Merluza de Burela nas que participarán 17 locais hostaleiros de Ribadeo, que van ofrecer tapas e pratos preparados con este peixe capturado polos barcos do porto burelés”.
Cruzado subliñou que “grazas a colaboración da OPP-7 de Burela puidemos desde Acisa organizar estas xornadas. A OPP facilítanos de forma gratuíta preto de 90 quilos de merluza do pincho, que imos distribuír entre os bares, mesóns e restaurantes que participan nesta nova cita gastronómica sen ningún tipo de custe para eles. Cada un vai recibir 5 quilos”.
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos indicou que “esta é xa a segunda vez que desde Acisa regalamos materia prima para a elaboración das tapas e dos pratos ás nosas asociadas e asociados, co que pretendemos deste xeito aforrarlles custes nas campañas que lles propoñemos, e que marca sen dubida unha liña de acción da nosa asociación para este tipo de eventos”.
Carmen Cruzado dixo que “se trata dunha achega importante: aportamos aos locais unha parte do produto que van empregar para elaborar as súas preparacións. Os bares van ofrecer tapas e os restaurantes diferentes pratos dun produto, a merluza de Burela, coa que xa contan moitos deles nas súas cartas”.
Segundo explicou o xerente de Acisa, Jesús Pérez, “as diferentes elaboracións poderán atoparse nas redes sociais de Acisa uns días antes da celebración destas Xornadas de Exaltación da Merluza de Burela, para a súa consulta e así coñecer as propostas de cada local. Son 17 establecementos, tanto de Ribadeo como de Rinlo, co que espallamos esta cita gastronómica polas parroquias nas que tamén temos asociados de hostalería”.
Carmen Cruzado dixo que “con estas xornadas o que pretendemos é botar unha man e axudar á dinamización do sector hostaleiro en tempada baixa, previa ao Nadal”. E animou “á veciñanza de Ribadeo e a de toda a contorna, tanto galega como asturiana, a saborear as diferentes preparacións elaboradas con este fantástico produto. Agardamos desde Acisa que sexa unha fin de semana de moito movemento en Ribadeo, xa que coincidirá con outras importantes campañas”.
Jesús Pérez indicou que “queremos tamén contribuír á concienciación da importancia de consumir peixe, por saúde e por sabor. E si é peixe do veciño porto de Burela, moito mellor”.
Os locais participantes son: Queimada, Galipizza, O Lar de Manolo, El Rincón del Gordo, La Quinta, A Horta de San Roque, Delicatés, O Indiano, La Solana, A Mirandilla, La Bugalla, Javier Montero, San Miguel, Parador de Turismo, Ramonita, Araucaria e Costa Verde.
No acto de presentación das Xornadas de Exaltación da Merluza de Burela participaron o presidente e o xerente da OPP-7 de Burela, Juan José Otero e Sergio López, o xerente de Absa, Miguel Neira, así como a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.