Ribadeo, 21 de novembro de 2023. Ribadeo conmemorará o 25N con proxeccións, teatro e cunha concentración e manifestación artística. O lema elixido para este 2023 é Ribadeo unida pola igualdade, forte contra a violencia.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, explica que “hoxe, martes, iniciamos a semana repartindo nos centros educativos Historietas 25N, creadas cursos atrás por estudantes dos centros de Ensino de Ribadeo da ESO e da FP. Trátase dunha iniciativa que non só promove a prevención senón que tamén destaca e aproveita o talento artístico da mocidade ribadense”.
A edil ribadense contou que “o venres, día 24, proxectaremos a película Matria no auditorio con sesións matinais para os centros de ensino, enmarcadas no programa O Concello cos Coles. E haberá un pase aberto a todo o público ás 20 horas cunha entrada simbólica de 3 euros. E tamén ese día presentarase un vídeo contra a violencia machista, que recompila microvideos e fotografías recibidas durante estas semanas, reflectindo a participación activa de centros educativos, asociacións e diferentes entidades”.
Sanjurjo contou que “o sábado, o 25N, teremos unha concentración seguida da lectura dun manifesto baixo o título Ribadeo Unida pola Igualdade, Forte Contra a Violencia. Será ás 12:30 horas diante da Casa do Concello. Desde esa hora e ata as seis da tarde, a cidadanía está convidada a plasmar os seus sentimentos e reflexións nun gran mural que estará situado nas escaleiras do Concello. Este espazo artístico pretende ser unha expresión colectiva contra a violencia machista, onde cada mensaxe conte. As persoas que queiran participar poden escribir mensaxes, debuxar ou expresar os seus pensamentos de maneira creativa. O mural será unha testemuña visual do rexeitamento unánime da comunidade de Ribadeo cara a violencia de xénero e será exhibido no hall do Auditorio durante a semana seguinte”.
A concelleira de Igualdade anima “a todas e todos @s cidadáns a sumarse a esta actividade, facendo do mural un símbolo de unidade e resistencia contra a violencia machista”.
E engadiu: “remataremos esta semana de actividades o domingo, 26 de novembro, coa representación teatral de Iria Piñeiro, que representará Miss España no auditorio municipal ás 20:00 horas. O prezo da entrada será de 4 euros”.