O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que en colaboración co Clúster de Turismo convócanse catro xornadas na provincia con axentes públicos e privados para facer unha diagnose dos retos coa participación do sector
A Xunta está a traballar en colaboración co Clúster de Turismo de Galicia e coas tres universidades galegas no proceso de diagnose previo que permitirá coñecer a situación do turismo na Comunidade de xeito analítico e cunha visión conxunta. O obxectivo é planificar e afianzar o modelo galego con medidas orientadas á sustentabilidade e a dixitalización, entre outros aspectos.
Así, acaban de comezar as mesas territoriais de traballo que se desenvolverán en todas as provincias, catro delas en Lugo (en Ribadeo, Lugo, Monforte de Lemos e Sarria). A que se desenvolveu esta mañá na localidade ribadense congregou, entre outros, a representantes de concellos, establecementos de hostalería, aloxamentos, oficinas de turismo e guías turísticos, así como a membros do tecido asociativo do sector.
A finalidade destas mesas é reunir a axentes públicos e privados para analizar as necesidades e retos nesta materia de cara aos vindeiros anos. Recollerase información sobre a diversidade de perspectivas e desafíos que enfronta o turismo nas diferentes zonas da Comunidade.
Coa intención de dar cabida a todos os profesionais, esta información completarase coa recompilada a través dun cuestionario online no que poderán recoller a súa visión e suxestións. Por outra banda, para elaborar esta nova estratexia de turismo contarase tamén co aval científico das tres universidades galegas en coordinación coa Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia, que realizarán unha análise científica sobre a oferta, a demanda e a cadea de valor do sector turístico en Galicia.