Sobre Defensa con dereitos: navegando o labirinto xurídico para a autoprotección falaron Montse González, avogada do CIM de Ribadeo; Julio Martínez, maxistrado e coordinador en Asturias da Asociación Xuízas e Xuíces para a Democracia; José Luis Raposo, subteniente diplomado en Policía Xudicial e xefe de EDOA en Lugo; Gerardo Sevilla, diplomado en Policía Xudicial e comandante de posto da Garda Civil en Ribadeo; e Gema López, membro do equipo Viogen da Garda Civil en Burela e Ribadeo.
Na mesa redonda déronse datos como que o CIM de Ribadeo presta atención ao ano a máis dun cento de mulleres; que na actualidade hai 32 casos de violencia de xénero en Ribadeo en situación de seguimento, a maioría de risco baixo e algún de risco medio, aínda que tamén houbo algún de risco alto. Tamén se indicou que de cada 10 ordes de protección solicitadas aos xulgados, de media en España 7 son concedidas e 3 rexeitadas.
Os poñentes aludiron ao illamento social que sofren as vítimas de violencia de xénero, falaron sobre a violencia física, pero tamén sobre a psicolóxica e a económica. E fixeron fincapé en que tanto no CIM como no equipo Viogen, de Ribadeo, as mulleres que o precisen poderán atopar axuda. E avogaron por que as administracións destinen máis medios á formación en igualdade, xa desde a idade escolar.
Tamén este sábado e o pasado no pavillón municipal tivo lugar un taller de defensa persoas que foi impartido por Miguel Ángel Villanueva, monitor cinto negro de judo, jiu-jitsu e kung fu wu-shu. O pasado 11 de novembro tamén se desenvolveu unha xornada psicolóxica.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, tivo palabras de agradecemento para a AEGC “pola organización destas xornadas de defensa persoal feminina, ás participantes no taller de defensa persoal e ao monitor e a tod@s @s ponentes que participaron nas dúas charlas que desenvolvemos, unha na que abordamos aspectos psicolóxicos e outra na que analizamos cuestións legais”.