O alcalde, Dani Vega, declarou que “estamos satisfeitos pola resposta que está a ter a campaña da recollida de rodas agrícolas, porque xa van depositadas máis de 6.000. Pareceunos moi oportuna, porque había que retirar eses vertedoiros incontrolados de rodas nas distintas parroquias e tamén eses puntos negros dentro das explotacións agrícolas. As rodas non facían nada aí e os gandeiros dicíannos que a ver si faciamos unha campaña para retirar esas rodas”.
O rexedor cre que “está a ser un éxito. Hai que destacar que é unha campaña cen por cen gratuíta para a persoa que entrega as rodas. Fixemos unha colaboración coa Xunta de Galicia, o cal destacamos e agradecemos este traballo conxunto. E desde logo esta é a liña a seguir”.
Vega considera que “entre todos debemos conservar o medio ambiente, é unha cousa de todos, non é algo única e exclusivamente das administracións, senón que o colectivo debe coidar o de todos. As rodas agrícolas eran uns puntos que debiamos eliminar”.
O alcalde subliñou que “seguiremos con esta campaña en próximos anos”. E lembrou que “agora temos ata o 30 de novembro para entregar esas rodas nos dous puntos que temos habilitados en Ribadeo, un na pista da escola de Cedofeita e outro no campo da festa de Piñeira. E o día 1 de decembro xa veñen recollelas”.