Ribadeo, 10 de novembro de 2023. Ribadeo acollerá do 13 ao 17 de novembro unha xuntanza do proxecto europeo de robótica no que participa Apaga. Ao encontro asistirán vinte profesores e alumnos chegados de Turquía, Polonia e Italia, que ademais visitarán centros de ensino e empresas e coñecerán a comarca e outras cidades como Lugo, Santiago e Avilés.
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, contou que “esta é a última xuntanza deste proxecto europeo, que reúne a centros educativos de Turquía, Polonia e Italia. Nesta parte final hai un apartado dedicado á actividade cultural e visitas a empresas. Empezaremos o día 13, cando teremos un acto de acollida no local de Apaga. E despois, ás 10 da mañá, haberá unha recepción no Concello de Ribadeo, na que estará o alcalde. A continuación actuará un grupo de gaitas ribadense e pola tarde faremos unha visita cultural guiada polo casco antigo de Ribadeo, un percorrido pola zona das praias e un paseo en barca pola ría de Ribadeo”.
Doural seguiu relatando que “o día 14 haberá unha visita ao campus universitario de Lugo, concretamente á facultade que leva o tema de Robótica, tamén teremos unha recepción no Concello por parte da alcaldesa e unha visita cultural por Lugo. Pola tarde no CIFP Politécnico de Lugo vaise facer unha competición á que asistirá o alumnado dos centros participantes nesta iniciativa e do centro que acolle esta actividade, como fase final do proxecto. As actividades do día 15 empezarán ás 9 da mañá cunha visita á praia das Catedrais e despois, ás 11:30 horas, visitaremos a factoría de Alcoa en San Cibrao. A continuación, ás 14:00 horas, iremos ao IES de Foz, onde teremos unha comida servida polo alumnado de Hostalería dese instituto. E pola tarde haberá unha visita a Finca Galea, en Alfoz”.
E engadiu: “o 16 será un día moi intenso porque ás 8 e media da mañá vai haber unha visita a Televés, en Santiago, que é unha das empresas máis avanzadas no campo da robótica a nivel de España. Ás 10 e media iremos ás instalacións de Urovesa, que é a única empresa de España que produce vehículos, sorprendentemente; está en Valga, cerca de Santiago, e fan vehículos especiais para o exército cun desenvolvemento tecnolóxico moi alto, polo que é unha visita moi interesante. Ás 12:30 horas trasladarémonos a Finsa, que é unha das empresas de madeira máis importantes de Europa. ÁS 14:30 horas vai haber unha visita ao Parlamento de Galicia e pola tarde teremos un percorrido cultural pola cidade de Santiago. E o día 17 será a última xornada, na que pola mañá iremos ao centro integrado de FP de Avilés e a un grupo de empresas que se dedican á fabricación de robots no polígono industrial avilesino. Pola tarde será libre, para que os participantes nesta iniciativa estean pola vila ribadense e vaian ao comercio local, para que se vexa que tamén facemos cousas por Ribadeo, aínda que algunhas veces parece que hai xente que non acaba de entendelo. E á noite haberá unha cea, para rematar as actividades desta xuntanza”.
A este encontro, que se celebrará en Ribadeo a vindeira semana, acoden profesorado e alumnado de tres países: “de Turquía virán 4 profesores e 3 alumnos; de Italia, 4 profesores e 2 alumnos; e de Polonia, 5 profesores e 2 alumnos”.
Álvaro Doural subliñou que “será un primeiro paso para as seguintes actividades que Apaga vai desenvolver a nivel europeo: temos xa aprobado un proxecto sobre o hidróxeno verde, que vamos poñer en marcha posiblemente antes de rematar este ano, aparte de todas as mobilidades de alumnado e profesorado. Neste momento estamos con moito traballo para poñer en marcha varias iniciativas a finais deste ano e durante o 2024”.