Ribadeo, 29 de novembro, 2023. A asociación de veciños «Por Nuestro Faro» ten amosado o seu interese nos últimos meses pola relevancia cultural e social de certos elementos presentes no edificio do vello faro de Illa Pancha. En efecto, a escaleira de caracol e o balcón circular da lanterna son pezas construídas nas Antigas Forxas Artesanais de Sargadelos, a finais do século XIX.
Por esta razón, cremos que a súa contemplación e estudo non debera quedar restrinxido ós usuarios dos apartamentos turísticos, concedidos a unha empresa privada para a súa explotación particular. Este dereito dos veciños e visitantes foi eludido a través do procedimento que levou á privatización do faro e da Illa Pancha sen un estudo dos antecedentes históricos e culturais deste equipamento. Pensamos que ese dereito debe ser restituído para que quen desexe poda visitar estas pezas da arquitectura tradicional galega sen máis limitacións que as establecidas pola normativa vixente.
Por ese motivo esta semana dirixímonos por escrito ó alcalde de Ribadeo, co que mantivemos unha entrevista persoal, e tratado este tema, o pasado 3 de agosto.
Como lle lembramos no noso escrito, naquel encontro, hai 4 meses, transmitímoslle a idea de que «estas pezas arquitectónicas e o conxunto do que forman parte deberan ser declaradas BIC (Ben de Interese Cultural), tanto polo seu propio interese cultural, social, histórico e turístico como por cumprir de xeito claro cos criterios establecidos na lei 8/1995 do Patrimonio Cultural de Galicia para ser incluídas no Rexistro de Bens de Interese Cultural.»
Ante o interese amosado polo señor alcalde neste punto, o escrito enviado conclúe: «En consecuencia, agradeceríamoslle nos informase se se teñen iniciado os trámites preceptivos para a devandita declaración como BIC por parte do Concello de Ribadeo e cal é no intre actual o estado do correspondente expediente.»