Aposta por potenciar o Observatorio Lácteo, mobilizar 100.000 hectáreas de terra produtiva e impulsar a I+D+i no sector cun plan estratéxico
Santiago de Compostela, 14 novembro 2023. A portavoz nacional, Ana Pontón, comprometeuse como presidenta dun goberno do BNG a activar a Mesa polo Leite como mecanismo de negociación entre produtores e industria, un espazo de interlocución no que abordar todas as cuestións de interese para ambas partes, particularmente todo o relacionado coa comercialización e os prezos.
“Queremos un sector no que os produtores e produtoras reciban prezos xustos, no que o leite non sexa utilizado como reclamo nas grandes superficies comerciais”, apuntou, para lembrar a continuación que hai que garantir o que recolle a propia Lei de Cadea Alimentaria. “Non se pode pagar por debaixo dos custos de produción”, recordou logo de reafirmar o compromiso do BNG de publicar os custos despois dun estudo rigoroso e científico no que participen as Universidades e profesionais da Administración.
A líder nacionalista avanzou estes compromisos nunha visita á cooperativa CLUN, á que sinalou como referencia do sector lácteo galego e da capacidade e potencialidade do noso medio rural, e que enmarcou dentro da rolda de contactos que o BNG está mantendo con sectores económicos e sociais para incorporar as súas propostas no proceso de elaboración do seu programa de goberno.
Pontón tamén apuntou outras propostas do Bloque para o sector, que considerou “estratéxico” para o futuro do País, como a reactivación do Observatorio Lácteo, potenciando aquelas liñas de traballo que contribúan a reducir os custos de produción nas explotacións, ou a recuperación de terras agrarias e produtivas para ampliar a base das explotacións lácteas, co compromiso de mobilizar 100.000 hectáreas na próxima década.
A portavoz do BNG defendeu igualmente a elaboración dun plan estratéxico que aposte pola I+D+i e por impulsar unha maior transformación do leite en Galiza que xere maior valor engadido. “Queremos un sector onde haxa moita capacidade de innovación e que apostemos pola transformación e por xerar valor engadido nos produtos porque ese é o futuro”, incidiu.
Neste sentido, exemplificou na cooperativa CLUN, que factura uns 240 millóns de euros e que exporta a 60 países, a capacidade do medio rural galego para competir nun mundo complexo e suxeito a dinámicas globais e para avanzar a pesar das adversidades e reafirmou o compromiso do Bloque cunha Galiza rural que ocupa o 90% do territorio e se estende por 263 concellos.
“Para o BNG é inconcibible darlle as costas ao 90% do territorio por iso apostamos por un medio rural vivo, produtivo, habitado, que xere calidade de vida e que ten unha enorme potencialidade á hora de xerar riqueza e emprego como demostra CLUN”, afondou.
Logo da visita ás instalacións da cooperativa, Pontón mantivo un encontro coa asociación Mulleres de Seu, da que salientou a posta en marcha de proxectos económicos moi interesantes e de vangarda con iniciativas que demostra a puxanza e o potencial do rural e que merecen o máximo apoio por parte do goberno. “Ese é tamén o meu compromiso se teño a confianza dos galegos e das galegas”, concluíu.