Aposta pola participación pública e por ordenar o desenvolvemento enerxético e denuncia a perda de 4.000 empresas e 7.000 empregos no sector
Así o manifestou na súa intervención durante a xornada de traballo sobre enerxía e clima que desenvolveu o BNG coa comunidade que traballa neste ámbito de actuación, de cara a coñecer e recoller as súas propostas para a elaboración do programa de goberno do Bloque nesta materia.
Pontón apostou por aproveitar a potencialidade de Galiza á hora de afrontar a transición enerxética para que esta se converta nunha oportunidade de desenvolvemento para o País, o que implica un cambio de modelo que permita que a transición sexa xusta, sustentable e estea ao servizo das maiorías sociais, “con algo tan revolucionario neste País como poñer a enerxía ao servizo da sociedade galega”, ironizou.
“Non pode ser que Galiza soporte os custes de produción e que os beneficios non queden no País”, advertiu logo de apuntar a perda de tecido empresarial e emprego no sector industria-enerxía co modelo do PP: en 2022, 4.000 empresas menos que en 2008 e en 2021, 7.000 empregos menos que en 2009. E agora “impulsan unha empresa de maioría privada que repite o modelo fracasado” que xa se levou a cabo cos fondos europeos que ían impulsar o País, criticou.
Fronte a un PP que aposta pola “desregulación mentres drena recursos á privada e lle pon unha alfombra vermella aos lobbies enerxéticos”, a portavoz do BNG propón un “modelo de futuro” que blinda a custodia medioambiental, garante a participación pública e ordena o desenvolvemento enerxético para que Galiza se beneficie do seu papel produtor e do seu potencial nas renovables.
Mapa de ordenación enerxética
Neste sentido, puxo sobre a mesa algúns dos compromisos nacionalistas neste ámbito de actuación, entre os que citou a elaboración dun mapa de necesidades e ordenación enerxética onde estean recollidas todas as tecnoloxías do mix enerxético, dado que o potencial galego non se limita á eólica ou á hidráulica, senón que tamén se dá na solar, na biomasa, nos biocombustibles ou na xeotermia.
Un mapa que, segundo explicou, debe contemplar elementos como a preservación medioambiental, a ordenación do territorio ou a cohabitación con outras actividades económicas, que deben guiar o establecemento de diferentes zonas de explotación enerxéticas. “Non se pode ver única e exclusivamente o desenvolvemento enerxético dun País co monopolio dunhas tecnoloxías sobre outras que o único criterio que utilizan é o da rendibilidade empresarial que non é sinónimo da rendibilidade social”, indicou.
Nesta liña, apostou por parar o “boom eólico depredador” impulsado polo PP e poñer en marcha un novo modelo eólico baseado na planificación, a innovación e a reindustrialización, así como por impulsar a enerxía de proximidade, incentivando o autoconsumo e as comunidades enerxéticas, experiencias que xa se están levando con éxito en concellos gobernados polo BNG como os de Moeche, O Rosal, As Neves ou Moaña.
Pontón considerou preciso un cambio de paradigma no ámbito enerxético e, “fronte ao negocio especulativo concentrado nunhas poucas mans”, reafirmou o compromiso do Bloque de “situar os recursos enerxéticos como bens públicos ao servizo da maioría social” coa promoción da participación pública e directa no sector a través dunha empresa 100% pública ou medidas como a declaración de aproveitamento enerxético do vento como ben de dominio público (en réxime de concesión, como a hidráulica).
A isto sumou a vinculación da explotación enerxética ao impulso de plans industriais asociados que teñan indicadores obxectivos de seguimento, así como a promoción que unha parte dese desenvolvemento estea vinculado á industria de compoñentes afincadas no País.
Por último, defendeu tamén a vinculación da produción á innovación e á creación de emprego e tecido industrial para o que comprometeu a creación dun polo de innovación e experimentación en enerxía -que aglutine universidades, centros de investigación e tecnolóxicos, o INEGA e todo o tecido empresarial- co obxectivo de abordar transversalmente cuestións tan importantes como o desenvolvemento tecnolóxico, a electrificación da enerxía e a transferencia de coñecemento ou plans de mellora na cadea produtiva en sectores estratéxicos como o primario.
“É o momento de asentar as bases para esa Galiza que vén, que é unha Galiza que quere que a enerxía que se produce no País se poña ao servizo da sociedade e dun desenvolvemento sustentable”, concluíu.