O Goberno achegará o servizo de internet a 2.077 familias e empresas de Xermade a través de 484 proxectos que xa se están a executar
Na provincia de Lugo, a empresa Avatel será a encargada de levar Internet de alta velocidade a 11.132 fogares e empresas no marco desta terceira convocatoria, que financia o Goberno con 4.268.715 euros.
Pedro Blanco lembrou que Internet “é unha ferramenta que hoxe está en todos os aspectos das nosas vidas, que é chave para o desenvolvemento dos concellos do século XXI e tamén para a dinamización da actividade económica no rural”. Neste senso destacou que “somos o Goberno que trouxo investimentos para solucionar un problema real despois de anos sen avances nesta materia por parte da administración autonómica”.
O delegado sinalou que iniciativas como o Programa UNICO, que se financia con cargo aos fondos do Plan de Recuperación, “son un exemplo máis de que os cartos do Goberno chegan a todos e cada un dos concellos galegos. E fanno para mellorar a vida dos seus veciños e veciñas, como no caso de Xermade, onde máis de 2.000 veciños e veciñas que carecían de Internet de alta velocidade van ter agora este servizo”. En concreto, as tres convocatorias permitirán levar Internet de alta velocidade a través de fibra a 2.077 familias e empresas do municipio a través de 484 proxectos que executan as empresas seleccionadas.
Reparto provincial
Segundo detallou Pedro Blanco, o investimento do Goberno nas dúas convocatorias anteriores, xa en execución, foi de 71,2 millóns de euros. Na primeira, Telefónica foi a empresa adxudicataria, mentres que na segunda a galega Vento Rede encárgase do despregamento na Coruña; Avatel en Pontevedra e Ourense, e Adamo en Lugo.
Nesta terceira convocatoria Vento Rede adxudicouse de maneira provisional as provincias da Coruña e Pontevedra, mentres que Avatel foi seleccionada para executar as conexións nas provincias de Lugo e Ourense. O investimento total que se mobilizará, sumando a achega das empresas a axuda do Goberno, ascende a 131 millóns de euros nas tres convocatorias.
Investimentos do Goberno en Xermade
O delegado e o alcalde de Xermade, Roberto García, repasaron os apoios do Goberno ao Concello de Xermade nestes anos, entre os que destacan os 4.000 euros para a posta en marcha dun Aula Mentor ou os 403.000 euros dos fondos de Transición Xusta do Ministerio de Transición Ecolóxica para a rehabilitación da antiga casa reitoral para convertela no futuro Centro Internacional da Tornaría do municipio, que acolle o Encontro Internacional de Torneiros de Madeira.
“Son medidas que axudan a dinamizar comarcas e a loitar contra o despoboamento do noso rural, porque desde o Goberno queremos garantir a igualdade de dereitos vivas onde vivas, e que as persoas que viven en concellos como o de Xermade conten coas mellores infraestruturas, equipamentos e servizos públicos”, concluíu.